Retoman a tramitación do novo contrato de limpeza de Montecelo e o Provincial ao ser desestimado o recurso de Comisións Obreiras
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) vén de desestimar un recurso especial en materia de contratación contra os pregos da licitación do servizo de limpeza dos Hospitais Montecelo e Provincial, presentado a finais de xaneiro polo sindicato Comisións Obreiras.
Ao mesmo tempo, a resolución levanta a suspensión cautelar do procedemento e permite á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continuar coa tramitación do expediente.
O escrito do Tribunal, con data de 14 de febreiro de 2024, aborda tódolos puntos dos pregos de contratación impugnados polo recorrente, que cuestiona aspectos relativos aos salarios dos traballadores e os seus dereitos laborais e sociais coma a subrogación dos contratos ou as condicións salariais, e lle dá a razón á Área Sanitaria.
Respecto da subrogación, a resolución sinala que na cláusula 6.2.4 dos pregos do contrato de limpeza dos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra si faise referencia a esa posibilidade, se correspondera de acordo co convenio colectivo de aplicación e a lexislación laboral.
Así mesmo, o Tribunal aclara que esa obriga de subrogación "é independente das necesidades do órgano de contratación para executar o contrato" e que, nese sentido, "non pode pretender o recorrente simplemente que as características técnicas da licitación se axusten exactamente á forma de prestación actual do servizo ou que esta se converta indefinidamente en inamovible pola mera actuación do que sexa adxudicatario nun determinado momento".
Por outra banda, en canto á posibilidade de mellora salarial dos traballadores destinados ao servizo de limpeza, o TACGal indica que é a empresa adxudicataria a que debe cumprir coas condicións salariais "segundo o Convenio Colectivo Sectorial de aplicación con cargo ao prezo da adxudicación do contrato, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración contratante o custo de calquera mellora".
A licitación do contrato do servizo de limpeza dos Hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra foi publicada no perfil do contratante o 10 de xaneiro de 2024, cun valor estimado de 11.636.650,46 euros e unha duración de dous anos. O procedemento de adxudicación é aberto e nun único lote.