Ingresa na cadea por asaltar dúas veces o mesmo estanco de Marín
Por Redacción
Un veciño de Marín de 23 anos ingresou en prisión como presunto autor dun atraco e un roubo que tería cometido no mesmo estanco da zona de Cantodarea con catro meses de diferenza.
O mozo foi detido pola Policía Nacional o día 5 de febreiro por supostamente atracar o estanco da rúa Outeiro ese mesmo día. No asalto utilizou unha arma branca e, tras ameazar á encargada do establecemento, apoderouse de 200 euros.
O atraco produciuse pola mañá e, unha vez que os responsables do estanco deron aviso dos feitos, os axentes do Grupo de Policía Xudicial da Comisaría de Marín abriron unha investigación que permitiu identificar ao presunto autor. Esa mesma tarde localizárono e procederon á súa detención.
As investigacións policiais permitiron esclarecer un segundo roubo con violencia e intimidación que se rexistrou no mesmo establecemento o 20 de outubro de 2013. Os axentes atribuíronlle a autoría ao mesmo mozo e pasáronlle a disposición xudicial. O xuíz de garda ordenou o seu ingreso en prisión provisional.