Un camión bate cun farol do alumeado público en Sagasta e teñen que retirala e cortar o tráfico unha hora
Por Redacción
Efectivos dos Bombeiros e da Policía Local de Pontevedra tiveron que actuar a primeira hora da mañá deste sábado na rúa Sagasta logo dun accidente no que un camión chocou contra un farol.
Segundo a información oficial facilitada, sucedeu sobre as 7.45 horas e foi necesario cortar o tráfico na rúa ata as 9.00 horas.
Un camión que realizaba tarefas de carga e descarga a primeira hora da mañá, ao manobrar, bateu co farol de alumeado público e tirouno ao chan.
Os bombeiros e policías desprazáronse ao lugar, acompañados de persoal da empresa Prezero, e procederon a retirar o farol e trasladalo ao punto limpo do polígono industrial do Campiño.
Durante o tempo que duraron estas tarefas, cortaron o tráfico na rúa Sagasta, desviando a circulación por Blanco Porto e Barcelos.
Unha vez retirado o farol e aberta a circulación, a zona quedou sinalizada.