O Concello responde á polémica polo cambio de horario do mercado ofrecendo a xestión ás praceiras
Por Natalia Puga
A polémica que sacude o mercado municipal de Pontevedra nos últimos días despois de coñecerse que o Concello aplicará o próximo luns 19 de febreiro un novo horario de apertura viviu este xoves o seu momento álxido cando un grupo de vendedores da praza abordou á concelleira responsable, Anabel Gulias, para falar da situación e buscar unha solución.
As praceiras e praceiros amosaron o seu malestar a Anabel Gulías porque o mercado pasa a ter horario de 7.00 a 14.00 horas e consideran que non é o axeitado porque á hora do peche aínda hai moita clientela que chega a mercar.
Gulías escoitou as súas reivindicacións e deulle as súas explicacións, que minutos antes dera tamén aos medios de comunicación. E anunciou que o Concello propón unha solución para rematar con este malestar, ofrecer a xestión deste equipamento municipal ás vendedoras e vendedores.
A concelleira responsable do mercado anunciara minutos antes unha reunión cos afectados para a vindeira semana, pero eles adiantáronse e xa se celebrou este xoves.
Segundo as explicacións da concelleira, desde que asumiu a xestión do mercado detectou "problemas estruturais de funcionamento do propio equipamento" e o Concello busca "melloralo dentro das nosas posibilidades". Ademais de facer un investimento económico, queren tamén abordar o seu funcionamento.
Unha das cuestións que abordaron foi o horario, co obxectivo de "axustar os horarios ao funcionamento real da instalación" porque aínda estaba activo o horario de lonxa, cando hai anos que non funciona. Ese horario era de 6.00 a 13.00 horas. En Xunta de Goberno aprobouse que pasara de 7.00 a 14.00, pero non se anunciou aos usuarios ata a semana pasada.
O problema xurde porque, aínda que antes había horario só ata as 13.00 horas, o persoal municipal alongaba a súa xornada e pechaba ás 15.00 horas. Ás veces, para facelo, pedían axuda do servizo de limpeza, para que pechase.
Iso é posible, segundo explica Gulías, só cando teñen todo o persoal dispoñible e cando tiñan un orzamento municipal activo para poder pagar horas extras. Agora que o orzamento municipal está prorrogado porque non se aprobou e se presentou unha moción de confianza que gañou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, non teñen marxe para facer eses gastos extra.
En canto ao persoal municipal, atópanse con baixas e días nos que teñen menos traballadores, de maneira que non lle poden pedir a ningún que cambie o seu horario de 8.00 a 15.00 horas para facer o horario que precisan os vendedores e vendedoras. "Non podemos dispor desa flexibilidade horaria cando nos faltan os efectivos", explica Gulías. Ademais, as persoas do servizo de limpeza xa avanzaron que non farán esa función, pois non entra nas súas competencias.
Así as cousas, ante as "disfuncións que se producen polo funcionamento real dun equipamento como o mercado, que é un equipamento singular para un Concello", propoñen que as persoas concesionarias dos postos do mercado se encarguen da xestión.
Teñen que concretar aínda a forma de facelo e o Concello asegura que "acompañará no camiño", pero considera que esta fórmula faría que funcionara mellor.
Este proceso, que xa avanzan que é "difícil", complícase porque neste momento o Concello non ten interlocutor directo, xa que actualmente non hai asociación de praceiras nin de praceiros.