Renovados os bancos dos parques Amalia Álvarez e da rúa Bacelar
Por Redacción
O departamento de Servizos urbanos básicos, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, ven de reparar os bancos da rúa Bacelar e do parque que a une con Pintor Laxeiro, ambas no barrio da Parda. Este mobiliario foi reparado ao igual que os bancos do parque Amalia Álvarez, que tamén foron retirados para o seu tratamento e instalados esta mesma semana.
As inclemencias climatolóxicas e o paso do tempo fan que as madeiras e as pezas de metal se vaian deteriorando, e sexa necesario reparalas ou substituílas, segundo cada caso.
Aínda que a casuística é moi variada, os traballos xerais consisten no decapado da madeira a base de lixado, logo vernízase ou píntase. Os elementos de metal tamén se lixan e se pintan. Finalmente colócanse no lugar retirado. Neste proceso substitúense madeiras que poidan estar rotas ou perigosas, así como os parafusos ou os pés dos bancos que tamén poidan estar en mal estado.
A Concellaría ten en carteira continuar co tratamento dos asentos do parque do Miradoiro, no barrio de Monte Porreiro e os do paseo peonil de Josefina Arruti.
Ademais, está previsto instalar novos bancos no tramo final da rúa Arcebispo Malvar, cara a praza de España.
Trátase dunha demanda veciñal, especialmente da xente de idade que precisa dun asento onde descansar logo de subir a costa. Tamén se colocarán novas unidades na cabeceira de Pontevedra da Ponte da Barca e no barrio de Ponte Muíños.