Este mércores é o Día Europeo da Saúde Sexual e a área sanitaria o celebra cun programa de actividades
Por Redacción
Profesionais sanitarios de distintas categorías dos centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés organizaron para estes días un programa de actividades comunitarias co gallo do Día Europeo da Saúde Sexual, unha efeméride que se conmemora este mércores, día 14 de febreiro, e que pretende concienciar e sensibilizar sobre a necesidade de adquirir e manter hábitos sexuais saudables.
En primeiro lugar, no distrito de Pontevedra, o centro de saúde de Bueu instalará o mércores pola mañá unha mesa informativa no vestíbulo de entrada co obxectivo de divulgar entre os usuarios en xeral a importancia da prevención das enfermidades de transmisión sexual e outras cuestións de saúde sexual. Na primeira metade da xornada participarán enfermeiras, e a partir das 11:30 horas se encargarán as matronas.
No distrito do Salnés, persoal dos centros dos saúde de Cambados e de A Illa de Arousa sairán das dependencias do Sergas para celebrar esta xornada cunha carpa informativa na rúa, que estará situada diante do Concello de Cambados durante a quenda de mañá. E no centro de saúde da San Roque, en Vilagarcía de Arousa, haberá unha mesa informativa nas propias instalacións sanitarias.
O vindeiro venres, día 16 de febreiro, un equipo de residentes en formación do centro de saúde pontevedrés de Lérez -varios médicos e una enfermeira que realizan a especialidade en Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria, respectivamente- acudirán ao IES A Xunqueira II de Pontevedra para dar unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato, que ten por título "Hazlo con salud".
Tamén nestes días, haberá outras charlas dirixidas a estudantes de 3º e 4ª da ESO dos institutos das comarcas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés impartidas por profesionais de Atención de Primaria.
O xoves 15 de febreiro, sanitarios de San Roque acudirán ao Colexio Filipenses Sagrada Familia para ofrecer unha charla a dous grupos de alumnado a partir das 12 da mañá.
O venres 16, o centro de saúde de Marín organiza unha conferencia no IES Illa de Tambo. E os días 29 de febreiro e 7 de marzo, o centro de saúde de Caldas de Reis impartirá dúas charlas no instituto do municipio.
Así mesmo, dende o centro de saúde de Ribadumia promoven o venres 16 de febreiro unha xornada sobre sexualidade responsable, na que se fará fincapé na elevada incidencia das enfermidade de transmisión sexual na actualidade. A actividade comezará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal de Ribadumia, e conta coa colaboración do Concello e de clubes deportivos locais.
O programa constará de dúas partes: unha primeira, sobre o aumento paulatino das ITS (Infeccións de transmisión sexual); unha descrición das máis frecuentes, e a súa prevención; e unha segunda parte, na que se ofrecerán os resultados dun estudo sobre hábitos sexuais en adolescentes galegos. Nas ponencias participarán o doutor Manuel Varela Salgado, uroandrólogo xa xubilado do Sergas, pero que realiza unha intensa actividade divulgativa; e o doutor Javier Paz Esquete, xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Por outra banda, cómpre lembrar que estas actividades comunitarias desenvolvidas polos profesionais e tamén residentes en formación dos centros de saúde forman parte da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria, que ten por obxectivo impulsar accións de saúde en colaboración coas entidade do seu entorno para, por exemplo, mellorar o control das patoloxías crónicas, fomentar bos hábitos alimenticios, a actividade física ou reducir o risco de enfermidades de transmisión sexual ou adiccións.