Dúas persoas detidas "en estado moi agresivo" por agredir a axentes da Policía Local
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra detivo nos últimos días dous homes na cidade tras senllos episodios violentos, un mesmo con intento de fuga en coche, que terminaron con agresións aos axentes.
Ambos os dous foron detidos "en estado moi agresivo", afirman desde fontes municipais.
A primeira das detencións tivo lugar o pasado mércores 7 de febreiro, ao redor das 21.45 horas da noite, tras protagonizar un altercado no exterior dun establecemento da cidade.
Trátase dun home, nacido no ano 1987, que estaba en estado violento e agresivo, xa que segundo a versión da súa parella, que estaba nese momento abrindo o establecemento en cuestión, presentouse no local en estado ebrio e gritándolle. Segundo o relato policial a muller meteuse entón no seu vehículo, momento no que o home se tería subido ao capó para evitar que escapase, caendo ao chan.
Alertados da situación a Policía Local desprazouse ao lugar localizando o home, que tentou agredir aos axentes en varias ocasións, tendo que pedir reforzos para reducilo e metelo no coche policial. Unha vez no interior do vehículo, segundo os axentes, non deixou de insultar, dar patadas e cabezadas. A súa actitude non cesou nin sequera ás portas da comisaría da Policía Nacional, onde volveu agredir outro policía sendo reducido de novo.
A esta detención sumouse un día antes outra a un condutor, o martes 6 de febreiro, no marco dun control de tráfico que ese estaba a realizar na Avenida de Bos Aires.
A Policía Local detectou no control a un vehículo que circulaba coa ITV caducada, polo que tentaron darlle o alto. Nese momento o condutor, nacido no ano 1984, acelerou tentando fuxir, aínda que non llo permitiu a densidade do tráfico nese momento.
O home detívose na ponte dos Tirantes, lugar no que os axentes lle comunicaror a súa infracción e pedíronlle que se sometese a un control de alcoholemia. A súa resposta foi negarse e tentar escapar de novo despois de agredir a un policía. Por ese motivo foi reducido e trasladado a dependencias policiais dando golpes e patadas ao coche patrulla.