Os pontevedreses apostan pola rehabilitación fronte á construción de novas vivendas
Por Redacción
Os habitantes da cidade de Pontevedra e os municipios da súa contorna apostan pola rehabilitación do seu parque de vivendas antes que pola construción de obra nova. Así o destaca o Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), que en 2023 detectou que o 65% dos proxectos nos que interveñen son de reforma.
Segundo o Coatpo, os expedientes de dirección de obra na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia creceron un 2,08% en 2023. O sector rexistrou 933 expedientes durante o pasado exercicio, fronte aos 914 contabilizados no ano 2022.
Os expedientes de dirección de obra son un termómetro que permite coñecer a evolución da actividade no sector da construción e os datos de 2023 revelan que dous de cada tres proxectos desenvolvidos en 2023 refírense a reformas. Deses 933 expedientes, 319 corresponderon a novas promocións (34,19%) e 614, a proxectos de rehabilitación (65,81%).
O presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra, Manuel Rañó, destaca a "estabilidade" do sector da construción en Pontevedra.
O delegado do Coatpo na cidade de Pontevedra, Ricardo Sobral, considera que 2023 "foi un bo ano, un exercicio óptimo para o sector da construción" na capital e a súa área de influencia. "Traballamos nun sector moi dinámico e percibimos que hai actividade, que hai proxectos a curto e medio prazo, que os promotores están a desenvolver novas iniciativas e que moitos propietarios están a animarse a acometer proxectos de rehabilitación das súas vivendas" explica.
Para 2024, Manuel Rañó aínda percibe certas incertezas, entre elas, a falta de man de obra cualificada, o prezo dos materiais e a subida de tipos de interese, que "permanecen como unha ameaza a curto e medio prazo para o noso sector".
Manuel Rañó recoñece que o sector segue tendo "serias dificultades" para atopar traballadores cualificados. Esta situación "persiste no tempo e dificulta a execución de moitos proxectos na provincia". Trátase dunha situación xeneralizada que "exerce de freo para o crecemento da construción", reitera.