Rafa Domínguez avoga polo "entendemento e a negociación" para chegar a acordo cos comuneiros de Mourente
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou este sábado que o Goberno provincial avoga e aposta "pola negociación cos comuneiros de Mourente" no relativo aos terreos sobre os que se asentan as instalacións do Centro Príncipe Felipe.
Domínguez lembra que estas negociacións chegan cun antecedente claro: as que tiveron lugar entre a Comunidade de Montes e a Xunta de Galicia para a cesión dos terreos para o Hospital Montecelo que, como lembra o vicepresidente provincial, el mesmo "liderou" chegando "a un acordo frutífero".
Desta maneira, trala resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra que confirma que a Comunidade de Montes é titular dos terreos do Príncipe Felipe, Domínguez quixo recalcar que "como non pode ser doutra forma, respectamos as sentencias xudiciais, aceptámolas e iniciaremos os trámites pertinentes para limitar e terminar a vía xudicial, así como conseguir as condicións necesarias para comezar unha negociación sincera cos comuneiros".
Na mesma liña, Rafa Domínguez recalcou que este "é un problema herdado da administración anterior" e que o novo goberno provincial, con Luis López á cabeza, agarda que "co entendemento e o diálogo" en pouco tempo se dean as condicións necesarias "para que se poidan iniciar unhas negociacións sen trabas ocultas".
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Mourente, contra a Deputación por "deslealdade e dobre xogo" no conflito polos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Mourente e a Deputación abren negociacións para a cesión dos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Carmela Silva abre a porta a negociar cos comuneiros de Mourente un canon "axeitado" por Príncipe Felipe
Por Manu Otero |
-
O Xulgado de Pontevedra recoñece á Comunidade de Montes de Mourente a titularidade dos terreos de Príncipe Felipe
Por Redacción |