Comeza a tempada de furanchos en Marín con trece 'loureiros' rexistrados
Por Oskar Viéitez
Comeza a tempada de furanchos en Marín. Os trece 'loureiros' apuntados no rexistro municipal xa poden abrir as súas portas, durante un máximo de tres meses e ata o 30 de xuño.
O concelleiro de Rural, Pablo Novas, entregou este venres a primeira licenza ao "Chámpalle unha gasosa".
Os outros doce furanchos que contan con permiso oficial son: "A Palmeira" de Miñán, "Amancio" en Ameal, "Pouca Cousa" en Bouzón, "Óscar" en Pardavila, "Don Chanco" en Pastoriza, "Do Maño" en Brea, "Víctor" en Castro, "O Alboio" en Ruanova, "A de Charo" en Ruanova, "Lino" en Casás, "O Quinteiro" en Cadrelo y "A do Currante" en Moledo.
O propósito dos furancho debe ser a venda dos excedentes da produción de viño, polo que, para poder iniciar a tempada de funcionamento, estes establecementos deberán ter feitas as declaracións obrigatorias para o sector vitivinícola. Ademais, deberán ter regulada a totalidade do seu viñedo no rexistro vitivinícola de Galicia e estarán obrigados a presentar unha declaración responsable do cumprimento de todos os requisitos que será obxecto dunha comprobación posterior por parte do Concello no que resida o furancheiro.
Conforme á regulación aprobada, o viño que se sirva nos furanchos non poderá ser embotellado, e deberá proceder directamente do barril da colleita do furancheiro. Ademais, poderá ofertarse un máximo de cinco tapas como táboas de embutidos, pementos, orella ou chourizo, zorza ou lombo, costela, ovos fritos, sardiñas, callos, tortilla, empanadas ou croquetas.