Un grupo de veciños de Lourizán e San Xulián denuncia a suposta ocupación dun camiño público
Por Oskar Viéitez
Un grupo de veciños dos lugares do Regueiriño, na parroquia pontevedresa de Lourizán, e do Marco, na parroquia marinense de San Xulián, denuncian publicamente "un problema que vimos arrastrando desde hai dous anos, polos reiterados intentos dun veciño de facer un peche ilegal, bloqueando un camiño público", con obras que acometeu impedindo o paso de maquinaria agrícola e forestal ás leiras polas que pasa este vial coñecido como Camiño de Pornedo.
Este conflito foi trasladado ao Concello de Pontevedra "en varios escritos de denuncias e ducias de chamadas telefónicas".
Este expediente segue sen resolverse, "producindo uns prexuízos evidentes para os veciños", segundo relatan, "á parte das molestias e outras situacións máis desagradables", explica Román Chaves, portavoz dos residentes denunciantes.
Segundo explica este afectado, a situación leva enquistada dous anos, cando este veciño supostamente instalou "unhas grandes pedras que puxo no camiño público e que se nega a retirar". Indica que esta vía é a única que dá acceso a sete hectáreas de parcelas de varios polígonos catastrais.
Tras levar a disputa veciñal ao Concello de Pontevedra, "que ten a titularidade do camiño", os veciños lamentan a dilación coa que se tratou este asunto polo que decidiron facelo público.