A Deputación aproba o novo convenio para o desenvolvemento dos GES
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes a prórroga do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) da provincia.
En concreto, a Deputación aportará para o 2024 o 40% do orzamento total, que supón 1.088.000 euros, mentres que a Xunta aportará o 52,5% e os municipios o 7,4% restante.
Entre as principais novidades, tal e como explicou o presidente da Deputación Luis López, o convenio recolle o incremento do financiamento, xa que este ano cada un dos GES recibirá 40.000 euros máis que o pasado, pasando dos 280.000 euros do 2023 aos 320.000 euros.
Ademais, crearase un subgrupo de emerxencias de seis membros no Grove. "Unha petición que o Concello levaba tempo facendo, que vimos de facer realidade", explicou o presidente provincial, Luis López, e que contará cun financiamento anual de 160.000 euros. Ademais, este ano iguálase a financiación dos servizos municipais de Ponteareas e Sanxenxo ao dos GES, pasando cada un deles dos 155.000 aos 320.000 euros.
Os Grupos de Emerxencia Supramunicipais existentes na provincia de Pontevedra na actualidade son os da Estrada, Lalín, Mos, A Guarda, a Mancomunidade Val Miñor, Ponteareas e Sanxenxo, aos que se une este ano o subgrupo do Grove.
+XUNTAS
Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases do programa provincial "+Xuntas", co que busca mellorar a formación básica das mulleres da provincia e as súas condicións de vida. Cun orzamento de 320.000 euros, o programa ten como obxectivos, como explicou o presidente da Deputación, Luis López, "crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a xeración de vínculos entre participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias".
A través de "+Xuntas" a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. Cada entidade interesada poderá solicitar, entre este xoves 1 de febreiro e o 1 de marzo, un obradoiro entre os ofertados, que se enmarcan en catro temáticas diferentes.
Desta maneira, "+ Tecnoloxía" contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais; "+ Creatividade", con talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro; "+ Natura" inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último, "+ Saúde", con obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.