Rueda asegura que o aparcamento do Hospital Montecelo "non vai ser gratis pero si a prezos asequibles"
Por Oskar Viéitez
O aparcamento do Hospital Montecelo "non vai ser gratis, que é o que nos están pedindo, pero terá prezos asequibles". Así o asegurou este venres o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Ao finalizar un acto oficial en Pontevedra os xornalistas trasladaron ao titular do Executivo galego a demanda da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública que pediu que o aparcamento en Montecelo sexa de balde, advertindo de que se está a tempo de facelo xa que nin sequera comezaron esas obras e que o custo que vai ter aparcar alí para as persoas que van ao Hospital vai ser importante, aínda que teña unhas tarifas baixas.
Alfonso Rueda manifestou respecto diso que "o primeiro que temos que facer é felicitarnos de que as obras do Gran Montecelo vaian vento en popa" e que se finalicen este ano como se anunciou "isto é o fundamental".
O presidente da Xunta insistiu en que este edificio "vai ser un antes e un despois no ámbito sanitario" xa que co novo hospital "imos cambiar absolutamente o espazo físico das habitacións, moitas individuais, máis aparellos, sen necesidade desprazarse para recibir servizos médicos. Antes había que ir a Vigo e a Santiago, agora moitos deles vanse dar en Pontevedra. Creo que isto é fundamental e todo o demais, que tamén é importante, creo que non é o fundamental".
"Eu agradezo os desvelos da Plataforma pola Sanidade Pública, pero supoño que entón é que están de acordo que no aspecto sanitario as cousas están a facerse ben. E por tanto, se hai que ir a polo demais tentaremos miralo", dixo Rueda.
O presidente autonómico remarcou que en Pontevedra "o que se vai a facer é o mesmo que se está facendo en todos os hospitais que está a reformar a Xunta de Galicia en todas as cidades galegas".
Así, asegurou que o Goberno galego vai "tentar, e creo que o conseguimos ata o de agora, poñer uns prezos asequibles para que a xente poida ter dispoñibilidade de aparcamento".
E insistiu en que serán "uns prezos asequibles e desde logo moito máis baratos dos que habería nun aparcamento do centro da cidade".
Dito isto, destacou que, ao seu xuízo, "a xente o que pide é que se teña servizos sanitarios públicos de primeira calidade e que despois se procure facer todo o demais, e con esa tranquilidade farémolo. Haberá sitio para aparcar e será a prezos asequibles. Non vai ser gratis, que é o que nos están pedindo, pero si a prezos asequibles", finalizou.