![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ec8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/65b285a11c-whatsapp-image-2024-01-25-at-14.47.57.jpeg)
© Concello de A Lama
A Lama reclama "explorar vías" para reforzar a conexión en autobús con Pontevedra e Vigo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Analizar a situación actual do transporte público no municipio foi o motivo do encontro que mantiveron o alcalde da Lama, David Carrera, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta en Pontevedra, María Martínez Allegue.
O obxectivo era "explorar vías de mellora" na conectividade da Lama con outras localidades e no propio servizo que se presta aos usuarios do transporte público.
Así, entre outras cuestións, o alcalde demandou una mellor sinalización das paradas ou a cesión por parte da administración autónomica dunha marquesiña e de varios espellos para solucionar problemas de seguridade vial na estrada autonómica PO-241.
Ambas partes tamén abordaron o servizo baixo demanda, a mellora do transporte escolar e a conectividade de A Lama coas dúas grandes cidades da provincia, Pontevedra e Vigo.
Despois deste primeiro contacto cualificado como "moi proveitoso" polas dúas administracións, o goberno municipal agarda que sirva para mellorar o servizo do transporte público no municipio e para optimizar os recursos "para que a veciñanza teña maior capacidade de mobilidade.
Antes de rematar a xuntanza, ambos os dous interlocutores coincidiron na necesidade de seguir celebrando este tipo de xuntanzas entre as dúas administracións para seguir avanzando na mellora do transporte público no rural da provincia.