O Concello de Bueu avanza na elaboración do primeiro plan de igualdade do persoal
Por Redacción
O Concello de Bueu constituíu este mércores a Comisión de Igualdade, un organismo que se encargará da elaboración do I Plan de Igualdade do persoal desta administración local.
Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social, participou na constitución deste organismo xunto a Montserrat García, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), e representantes sindicais.
Este plan formalizará e regulará as pautas de traballo, competencias e funcións que van rexer o deseño, desenvolvemento e posterior seguimento e avaliación do plan a elaborar ao longo deste ano.
Con este instrumento, o Concello de Bueu pretende cumprir co artigo 33.1 do RDL 5/2015, da Lei do Estatuto Básico dos Empregados Públicos, e con el conseguirase avanzar na aplicación da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que é unha das reivindicacións que levan a cabo na concellaría de igualdade. Basicamente, o que se fará dende a Comisión será negociar e deseñar o diagnóstico e as medidas que integrarán o Plan de Igualdade, elaborar o informe dos resultados do diagnóstico, identificar as medidas prioritarias, definir os indicadores de medicións e os instrumentos de recollida de información necesarios para o seguimento e avaliación do cumprimento do plan, e impulsar as primeiras accións de información e sensibilización do persoal.
Este sumaríase ao resto de plans que o Concello ten en vigor en materia de igualdade, caso do V Plan de igualdade entre homes e mulleres ou o Plan de Erradicación da Violencia de Xénero.
Así mesmo, dende o CIM continúan coas xornadas de formación. Tamén este mércores no Centro de Saúde de Bueu tivo lugar unha charla de Rosana Izquierdo Fernández, na que participaron un total de 31 sanitarios.
Izquierdo Fernández é doutora no centro de saúde vigués de Sárdoma, e abordou o protocolo de violencia de xénero no ámbito sanitario, que se seguiu con moita atención por parte do persoal.