O Pazo da Deputación acolle unha exposición sobre a importancia da atención temperá na parálise cerebral
Por Mónica Patxot & Redacción
O vestíbuilo do Pazo Provincial da Deputación acolle dende este martes a exposición "He nacido para vivir la vida", centrada na importancia da atención temperá para o futuro dos nenos con parálise cerebral como cimento da vida independente e a participación das persoas con grandes necesidades de apoio.
Trátase dunha mostra itinerante de fotografías da Federación ASPACE Galicia que se poderá visitar no vestíbulo do Pazo ata o 7 de febreiro.
"Todos nacemos para vivir a vida: para ser felices, emocionarnos, sentir, etc. E para que poidamos vivir a vida axeitadamente precisamos, sobre todo nos nosos primeiros meses e anos de vida, unha correcta atención", asegurou a deputada provincial Sandra Bastos, ao tempo que mostrou o seu "orgullo" por ser o Pazo provincial o lugar escollido en Pontevedra para dar o tiro de saída a esta exposición.
Nesta mostra, a través de 22 imaxes en cor realizadas polo fotógrafo Luis Simón Aranda, móstrase como se reflicte a atención temperá na vida de menores con parálise cerebral e no seu futuro, a través do seu día a día e do seu reflexo en persoas adultas.
Á inauguración asistiu a presidenta da Federación ASPACE Galicia, Concepción Somoza Torres, así como do presidente da Asociación AMENCER ASPACE, Carlos Godoy, e a vicepresidenta da Federación e xerente da Asociación, Mónica Touriño.
Tras esta primeira parada en Pontevedra, a mostra #HeNacidoParaVivirLaVida, que conta ademais coa colaboración da Fundación GMP, percorrerá outras 15 cidades do noso pais: A Coruña, Murcia, Pamplona, Vigo, Logroño, Zaragoza, Vitoria, León, Bilbao, Salamanca, Segovia, Santander, Toledo, Zamora e Madrid.