Xa se poden solicitar axudas de 400 a 1.300 euros para sacarse o carné de conducir
Por Oskar Viéitez
A Xunta publica este martes no Diario Oficial de Galicia a orde na que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade.
As achegas van dos 400 aos 1.300 euros para os permisos de coche, camión ou autobús.
Son moitas as motivacións para obter o carné, sexa por autonomía, como un investimento de futuro ou para acceder ao mercado laboral, razóns que levou ao goberno galego a manter esta liña de axudas para a que se destinan 800.000 euros e pola que asume o 50% do custo medio da obtención do permiso de condución.
Concretamente, as contías serán de 400 euros para o carné de coche, 650 para o de camión e 1.300 para o do transporte de pasaxeiros, tendo en conta que, como novidade, na última convocatoria incluíuse tamén o financiamento do carné de autobús.
O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o 30 de setembro. Os requisitos para acceder a estas axudas serán estar empadroado en Galicia, non estar a traballar e ter 30 ou menos anos.