Prevista a restauración da Torre do Reloxo do Templo Vello
Por Redacción
O Concello de Marín anuncia que está previsto acometer as obras de mellora da Torre do Reloxo do Templo Vello, construída en 1925 e que é de titularidade municipal.
Desde o ano 2022, o goberno local estaba a buscar financiamento para acometer estes traballos e finalmente a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia comprometeuse con este proxecto, segundo indicou a alcaldesa María Ramallo.
O orzamento global alcanza os 27.399 euros, que se investirán con cargo a unha subvención da consellería que dirixe Román Rodríguez.
Ramallo indica que é esencial "preservar a historia de Marín" a través da conservación do patrimonio.
A obra contempla a limpeza, restauración e consolidación dos muros e da zona superior da Torre do Reloxo, a substitución da carpintería exterior e das xanelas, ademais do cambio da porta de acceso á torre situada no Templo Vello. Tamén se realizarán traballos de selado para eliminar as actuais filtracións de auga.