Rogelio Carballo substitúe a Alberto Pita á fronte de Fanpa Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra (Fanpa) ten desde este sábado un novo presidente. Trátase de Rogelio Carballo, presidente da ANPA do colexio Álvarez Limeses. Impúxose por 27 votos a 20 a Alberto Pita, da ANPA San Xosé do CEIP Campolongo, que fora presidente durante os dous últimos anos e optaba á reelección. Foi no transcurso da asemblea celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra.
"Estamos moi contentos e ilusionados", sinalou Rogelio Carballo, trala vitoria da súa candidatura. O seu principal obxectivo, sinalou, será abrir a organización á participación das ANPAS para que "que teñan voz e voto e capacidade crítica e de administrar". Asegurou que nos últimos anos, a anterior directiva centrouse no "necesario e importante diálogo" institucional, pero "descoidouse a xestión diaria das ANPAS".
Coa intención de "darlle a volta" a esta situación e que as necesidades das asociacións de pais e nais dos centros públicos de Pontevedra "non sigan nun segundo plano", Carballo encabeza unha xunta directiva na que, inicialmente, figuraban representantes de gran parte dos colexios do centro da capital provincial: Álvarez Limeses, Campolongo, Barcelos e Vilaverde.
Pero Rogelio Carballo asegura que abrirá a súa directiva a todos aqueles que queiran colaborar en xestión. O primeiro, Juan Carlos Saco Mirón, de Lalín, que retirou a súa candidatura na asemblea e pediu o voto para el. Ademais, afirmou que outros compañeiros de Vilagarcía ou Sanxenxo ofrecéronse xa para incorporarse ao seu equipo. Con eles pretende organizar o traballo de toda a federación "non sabemos aínda se por reparto territorial ou por áreas".
Pola súa banda, o presidente saliente asegurou estar a disposición da nova directiva para apoiarlles no seu traballo. Espera que o cambio sexa para mellorar o funcionamento de Fanpa en Pontevedra, pero remarcou o feito de que a candidatura gañadora estaba formada "exclusivamente por colegios del centro de Pontevedra", cando o ámbito é provincial "y el trabajo requiere de la colaboración de todos".
En todo caso, destacou que por primeira vez Fanpa Pontevedra afrontou unhas eleccións "libres y abiertas", ás que estaban convocadas 171 asociacións de pais de alumnos de toda a provincia, e expresou o seu desexo de que se poidan continuar a "satisfactoria" liña de colaboración con institucións como o Concello de Pontevedra ou as actividades que se puxeron en marcha durante os últimos anos.