As borrascas continuarán mollando as Rías Baixas ata a tarde do xoves
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Este luns 15, as Rías Baixas mantéñense nunha nova xornada de influencia das baixas presións centradas ao oeste de Galicia xerando circulación do suroeste, segundo indica o servizo de Meteogalicia.
Espérase un día de ceos moi nubrados con choivas máis intensas na madrugada e que terán carácter débil e intermitente durante a tarde. As temperaturas sitúanse entre os 12 e os 17 graos. O vento soprará frouxo do suroeste, con intervalos moderados no mar.
Galicia sufrirá o martes 16 unha nova borrasca localizada entre os Azores e a Península Ibérica. A atmosfera permanecerá moi inestable con ceos cubertos e choivas por momentos persistentes e de intensidade moderada. Rexistraranse pausas entre as precipitacións.
As temperaturas situaranse entre 15 e 18 graos, con valores elevados durante a madrugada e con escasa oscilación térmica durante o día. Os ventos do sur gañarán intensidade e soprarán fortes en xeral a partir do mediodía, alertan desde Meteogalicia.
O mércores 17 espérase que o centro da borrasca continúe moi preto de Galicia e o tempo será moi desapracible. Os ceos continuarán moi nubrados e as choivas iranse producindo de maneira frecuente.
Produciranse ventos do suroeste, fortes durante toda a xornada, con refachos moi fortes no litoral e en zonas altas do interior durante as tardes. As temperaturas descenderán lixeiramente para pasar a mínimas de 13 e máximas de 17.
Xa o xoves chegará unha xornada de transición con aumento da influencia anticiclónica. Será un día de ceos nubrados e con choivas que serán xeneralizadas que irán a menos co avance da mañá. As temperaturas descenderán moderadamente, para establecerse entre 9 e 13 graos. O vento pasará a soprar do nordés de maneira moderada, con intervalos fortes no mar.
A partir do venres espérase a influencia das altas presións en Galicia, con baixa probabilidade de precipitacións e un réxime de ventos de compoñente norte cun descenso inicial de temperaturas.
A partir do domingo os ventos cambiarán ao suroeste e espérase unha nova entrada de choivas para a próxima semana, con ascenso de temperaturas.