Un pacto de gobernabilidade entre PSOE e BNG, cada vez máis preto en Vilagarcía
Por Redacción
Tras o apoio do BNG á investidura do socialista Alberto Varela como alcalde de Vilagarcía e despois do "entendemento" que mantiveron estes últimos seis meses, ambas forzas políticas anunciaron este venres que inician as conversas para alcanzar un "pacto de gobernabilidade".
Será mediante un pacto con vixencia para os tres anos e medio que restan de mandato e que as dúas formacións esperan concretar moi pronto, xa que coinciden nun comunicado en que "son máis os puntos que nos unen que os que nos separan".
A primeira xuntanza para sentar as bases da negociación xa se celebrou esta mesma semana e nela participaron Alberto Varela e Tania García polo goberno socialista, actualmente en minoría, e os dous concelleiros do BNG, Xabier Rodríguez e Rosa Abuín.
O acordo non implicaría a entrada dos nacionalistas no goberno. Aseguran que continuarán exercendo a súa labor dende a oposición pero traballando e consensuando cos socialistas as medidas nas que compartan filosofía e nos temas de especial interese para Vilagarcía.
Entre eles, o goberno municipal destaca o PXOM, o plan de mobilidade, os orzamentos ou as políticas sociais. "Tratarase dun pacto global para axudar a construír a Vilagarcía do futuro e evitar o bloqueo de iniciativas vitais para o desenvolvemento da cidade", engaden.
Os dous grupos volverán a reunirse a vindeira semana para seguir concretado as liñas xenéricas do acordo e os compromisos que adquirirán ambos os dous grupos para o resto de mandato.
Relacionadas:
-
Vilagarcía terá uns orzamentos "expansivos" que alcanzarán os 35 millóns de euros
Por Redacción |
-
Alberto Varela gobernará en minoría en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Alberto Varela toma posesión como alcalde de Vilagarcía cos votos do BNG
Por Redacción |
-
28M | Alberto Varela, obrigado a pactar para manter a Alcaldía de Vilagarcía tras perder a súa maioría absoluta
Por Diego Espiño |