O Hospital Sant Pau de Barcelona coñece en detalle o proxecto do Gran Montecelo antes de encarar a súa ampliación
Por Redacción
As obras do Gran Montecelo espertaron o interese do Hospital Sant Pau de Barcelona. Unha delegación deste centro catalán visitou este xoves Pontevedra e coñeceu de primeira man o avance das obras.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, fixo de anfitrión nunha reunión técnica co director xerente do Hospital Sant Pau, Adrià Comella, e coa directora asistencial deste centro barcelonés, Xenia Acebes.
Tamén estiveron presentes a directora asistencial pontevedresa, a doutora Susana Romero Yuste, e outros membros do equipo directivo da área sanitaria.
Despois deste encontro, a comitiva percorreu boa parte das obras para coñecelas e supervisar o avance dos traballos, que xa se atopan nunha fase moi avanzada.
O Hospital de la Santa Creu i Sant Pau de Barcelona está situado no Eixample da capital catalá e no seu recinto acolle un antigo hospital de arquitectura modernista, que a día de hoxe está destinado a outros usos.
Na actualidade, esta institución sanitaria encara a ampliación da súa moderna infraestrutura hospitalaria, en concreto a do seu bloque cirúrxico, razón da visita técnica efectuada a Pontevedra por parte dos responsables sanitarios cataláns.
A área sanitaria pontevedresa sinalou a través dun comunicado que o proxecto arquitectónico do Gran Montecelo é "modelo" para o centro barcelonés e que esta visita busca colaborar para establecer sinerxías entre ambas institucións sanitarias.