O BNG insta a Jorge Cubela a renovar os convenios de cesión das Casas do Pobo
Por Oskar Viéitez
O portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, reclama ao goberno local "maior celeridade" na tramitación do novo convenio de cesión das Casas do Pobo á veciñanza das parroquias de Aguasantas, Tenorio, Caroi, Borela, Almofrei e Rebordelo "logo de levar 10 meses co actual convenio caducado".
Ernesto Filgueira recibiu as queixas da veciñanza e dos membros das entidades veciñais afectadas por unha situación "anómala", que está a causar "prexuízos en termos de inseguridade xurídica ao non ficar claro os usos e a competencia de xestión das Casas do Pobo afectadas".
O nacionalista esixe "altura de miras e máis traballo para rachar coa desidia coa que o alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela, está a tratar este tema".
O BNG denuncia que tamén existen "outros problemas non menores" como que neste momento a Deputación ten aberta unha liña de axudas dentro do programa de acción comunitaria para a provincia até o 29 de febreiro na que as asociación veciñais para ser beneficiarias deben ter, entre outros requisitos, a titularidade ou o dereito de uso das instalacións un mínimo de cinco anos.
"Nestes intres, nin a veciñanza de Aguasantas, nin de Tenorio, Caroi, Borela, Almofrei nin de Rebordelo poden optar a esta convocatoria de axudas públicas polo estado de caducidade do convenio de cesión das súas respectivas Casas do Pobo", afirma o BNG.
Ernesto Filgueira denuncia a "situación de desigualdade entre a veciñanza das diferentes parroquias" por este "caso máis do desleixo administrativo do alcalde" ao que lle esixen "rapidez na xestión do novo convenio para que poida ser aprobado pola corporación no Pleno de xaneiro".