Lúa e Ane, as primeiras pontevedresas de 2024, fixéronse de rogar e chegaron por partida dobre
Por Diego Espiño
Ata o día 2 de xaneiro houbo que esperar para coñecer ás primeiras pontevedresas do ano 2024.
Lúa e Ane fixéronse de rogar, pero chegaron á primeira hora deste xoves por partida dobre no Hospital Provincial de Pontevedra. O que non esperaban os seus orgullosos pais, Mariña Pazos e Xabier Apaolaza, era que as súas fillas fosen os primeiros bebés do ano na Boa Vila.
"En canto viñéronnos a dicir que eran as primeiras dixemos, o día 2?", rememora Mariña acompañada da súa parella, quen "estaba aquí sentado escoitando que era o primeiro e pensaba que era noutra habitación, non pensaba que era a nosa", asegura.
A primeira en nacer foi Lúa, ás 8.28 horas da mañá, algo máis de dúas horas e media despois do ingreso da súa nai no hospital. Pesou 2,315 quilos. Ás 9.11 horas chegaba Ane, pesando 2,565 quilos. Todo foi mediante un parte natural e sen epidural porque "cando veu o anestesista xa dixo que non daba tempo", explica Mariña Pazos.
Ambos os dous pais, de 38 e 39 anos e primerizos, son pontevedreses pero viven actualmente en Málaga, aínda que "por circunstancias familiares viñemos a Pontevedra e tocou que nacesen aquí".
Fixérono ademais adiantándose lixeiramente á data prevista, xa que "se fose unha tiña que nacer o 29 de xaneiro, pero ao ser dúas dixéronnos que sería sobre a semana 37 e foi na 36 máis un día", revela a súa nai.
Agora quedarán "un par de meses aquí", coa familia, antes de ter que regresar a Málaga. Será un traslado cunhas preciosas xemelgas acompañándolles.