Insisten na "absoluta transparencia" municipal na tramitación da compensación da paga extra
Por Alejandro Espiño
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra xa ten no seu poder o informe que demostra, segundo o goberno municipal, a súa "absoluta transparencia" á hora de comunicar ao Goberno todos os trámites administrativos realizados polo Concello de Pontevedra no expediente da paga de productividade coa que se trataba de compensar a extra de Nadal dos seus empregados públicos en 2012.
Cumprir este requirimento do xulgado, que entrou por rexistro hai unha semana, é o único trámite que quedaba pendente, salvo o prazo de tres días para as correspondentes alegacións, para que o xuízo das pagas extra quede visto para sentenza. Así o explicou este mércores o concelleiro de Persoal, Vicente García Legísima, que defendeu a "impecable" tramitación deste asunto por parte do goberno municipal.
Mediante os xustificantes de recepción emitidos polo Ministerio de Hacienda y Administracines Públicas e a Subdelegación do Goberno, o Concello de Pontevedra acredita que non só que se comunicou o pago aos funcionarios, trámite sobre o que se basea o recurso presentado pola Abogacía do Estado, senón todos os acordos previos da Xunta de Goberno municipal e do Pleno, en relación con este expediente.
Vicente García Legísima explicou que toda a tramitación, desde que se aprobou a modificación de crédito para afrontar o pago da extra, "foi pública e notoria". Segundo o edil nacionalista, o "colofón" foi que tamén se notificou o expediente para o pagamento deste complemento a Policía Local, Bombeiros e organismos autónomos, que quedaron exentos da demanda presentada "porque o mensaxeiro que lles facilitou a resolución non fixo ben o seu traballo".
"Ás veces un vai a un exame ou a un concerto e toca de oído e aquí pasa exactamente iso", afirmou García Legísima en relación á actuación da Avogacía do Estado, de quen criticou que non recorresen todo o expediente senón tan só un trámite regulado "que lles levou un paxe". O culpable desta actuación "puidera ser" o portavoz do PP, Jacobo Moreira, "que estivo vendo o expediente nesa data e o aportado na demanda é precisamente iso".
Relacionadas:
-
O Estado recorre a sentenza que avalou a paga de productividade do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello gaña a sentenza das 'pagas extra' e Moreira asegura sentirse "satisfecho"
Por Redacción |
-
O Estado cualifica de "argucia fraudulenta" o pago da extra e o Concello non ve "eivas" na súa legalidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |