A Deputación ten habilitado na súa web un sistema de información para denunciar infraccións ou corrupción
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra ten habilitado na súa web un sistema de información como canle preferente sobre accións constitutivas de infraccións ou corrupción.
Así o deu a coñecer a deputada provincial María Ramallo "unha sociedade avanzada democraticamente debe protexer a toda aquela persoa que comunique as irregularidades acontecidas no seu entorno laboral ou profesional, de modo que os poderes públicos poidan actuar e, así, poñer fin á actividade ilícita".
"Neste eido as canles de información, que a lei obriga ás entidades locais a implantar dende o 1 de decembro, están xa e van permitir dar a coñecer prácticas ilegais con seguridade e sen represalias para as persoas denunciantes", asegurou Ramallo.
A deputada recordou que é infracción moi grave o incumprimento de dispoñer desta canle e animou a coñecer o sistema de información da Deputación, "un sistema aberto que temos implantado xa desde este verán e a través do cal é posible, tanto de xeito anónimo como nominativo, poñer en coñecemento accións ou condutas do persoal ou dos órganos da institución provincial que poidan constituír incumprimentos normativos, fraude ou calquera tipo de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave ".