Amizade pide que se manteñan as prazas de estacionamento reservadas en Barcelos
Por Redacción
A asociación Amizade, que representa a persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, solicitou ao Concello de Pontevedra a petición de que, unha vez finalicen as obras na praza de Barcelos, se manteña o mesmo número de prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida que existían antes desta reforma.
Lembran que estas prazas de estacionamento reservadas constitúen un mecanismo eficaz de discriminación positiva que permite ás persoas con mobilidade reducida rebaixar a distancia dos desprazamentos diarios.
Ademais, lembran que moitas persoas pertencentes a este colectivo non poden utilizar unha praza de aparcamento convencional ao precisar dun espazo mínimo para realizar manobras que lle permitan acceder ao vehículo. Por este motivo, demandan prazas reservadas, debidamente sinalizadas e co espazo necesario para ser utilizadas por persoas usuarias de cadeiras de rodas.
Explican que a súa eliminación "podería resultar discriminatorio" e mesmo "contraditorio" ao entender que normalmente xa existen escasas prazas destas características para persoas con mobilidade reducida.
A asociación que preside Paulo Fontán incide en que é necesario realizar unha revisión de todas as prazas existentes no municipio xa que "en moitos casos non cumpren coas dimensións recollidas na normativa, dificultando así o seu uso polas persoas que realmente as necesitan".
Tamén, desde Amizade, demandan un maior control por parte da Policía local para evitar o uso irregular das prazas reservadas ou o uso fraudulento das tarxetas de estacionamento cando a persoa titular desa tarxeta non é a que utiliza o vehículo.
Relacionadas:
-
Xornada de deporte adaptado en Montero Ríos para "sensibilizar á sociedade"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Marcar a cuadrícula 106 da Renda axuda a que setenta persoas con discapacidade participen en actividades de Amizade
Por Anxo Lourido |
-
Meses agardando por unha tarxeta de aparcamento para o seu fillo Martín, con 87% de discapacidade: "Só pido un mínimo de empatía"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O programa de atención integral realizado pola Asociación Amizade alcanzou a máis de 70 persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
Colaboración "máis fluída" entre o Concello e Amizade para avanzar no deseño da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Amizade pide a prestación do servizo do "coche de punto" con vehículos adaptados
Por Redacción |