Eurofans de toda España daranse cita en Vilagarcía
Por Redacción
Eurofans chegados de toda España daranse cita o próximo ano 2024 en Vilagarcía de Arousa, recentemente elixida sede para o XXXII Congreso da Asociación de Eurovisivos de España (AEV España).
A edición 2023 deste congreso celebrouse a pasada fin de semana no Centro Galego de Madrid e alí elixiuse a sede da súa próxima cita. Vilagarcía sumou 91 votos nunha votación final moi axustada, impoñéndose a Hellín (Albacete) con 89; e a Castellón, con 84.
A candidatura de Vilagarcía de Arousa, presentada polo socio Borja Santamaría, supón que o congreso se celebre por primeira vez na súa historia en Galicia, tras pasar nos tres últimos anos por Sevilla, Zamora ou Madrid.
Este congreso achegará a Vilagarcía de Arousa á esfera eurovisiva, coa presenza de eurofans de toda España e artistas e profesionais vinculados ao festival e ás diferentes preseleccións, como o Benidorm Fest, e compartirá cos visitantes a cultura mariñeira da zona, con actividades paralelas tanto gastronómicas como relacionadas co patrimonio histórico e ambiental da Ría de Arousa.
Ademais da celebración da Asemblea Xeral anual da asociación, o Congreso AEV consta de múltiples actividades e eventos relacionados con Eurovisión, tanto para socios como para o público xeral.
Así, a cita de 2023 en Madrid contou coa participación de Blanca Paloma, gañadora do Benidorm Fest 2023 e representante de España en Eurovisión 2023; Amaya Saizar, compoñente dos grupos Trigo Limpo e Bravo, co que alcanzou a terceira posición en Eurovisión 1984 co tema 'Lady, Lady' ou José Pablo Polo, compositor de 'Ea Ea', a canción gañadora do Benidorm Fest 2023 e elixida para representar a España en Eurovisión 2023.
Iñaki de Pablo, cantautor e membro de Trigo Limpo, grupo que representou a España no Festival da OTI 1977, logrando o terceiro lugar no certame, e en Eurovisión 1980; e María Eizaguirre, directora de Comunicación e Participación de RTVE, tamén asistiron á cita de 2023.