A Xunta inviste 171.000 euros este ano na mellora de infraestruturas municipais en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este luns o concello de Cerdedo-Cotobade para comprobar diversas melloras realizadas no marco das liñas de apoio ao eido local.
Os proxectos supoñen un investimento global de 171.000 euros ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público, do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e do Fondo de Compensación Ambiental.
A través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local actuouse na mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo, cun investimento de 95.675 euros. Así, substituíronse dous termos eléctricos por aerotermos con tecnoloxía de bomba de calor, cambiáronse as luminarias por outras con tecnoloxía LED, ademais de instalar detectores de presenza para un acendido automático, e colocáronse módulos fotovoltaicos na cuberta.
Por outra banda, a través da orde infraestruturas de uso público, o Goberno galego cofinanciou con 49.500 euros as obras para a reforma do local multiúsos situado na planta alta do almacén municipal de Cerdedo. O proxecto incluíu actuacións na fachada, para reforzar a seguridade e o illamento, así como no interior con renovación de falsos teitos e de carpintarías, entre outras melloras.
A maiores, a Xunta destinou 25.900 euros aos sistemas de saneamento e de abastecemento. A achega investiuse concretamente na depuradora de Cuitán, en San Xurxo, e na rede de sumidoiros de Quinteiro, en Valongo. Cómpre sinalar tamén que Cerdedo-Cotobade figura entre os concellos que se benefician do fondo de fusións, do que recibe 750.000 euros dunha dotación global de 1,5 millóns.
Relacionadas:
-
Aprobado o Plan de Seguridade previo á construción da residencia de maiores e o centro de día de Carballedo
Por Redacción |
-
A mellora da eficiencia enerxética do pavillón de Cerdedo terá un custo de 57.400 euros
Por Redacción |
-
En marcha os traballos para eliminar os problemas de augas pluviais na parroquia de Valongo
Por Redacción |
-
Estrea dun novo parque infantil en Parada de Tenorio
Por Álvaro Arosa Barco |