Limpadores de Correos, ao límite tras cinco meses sen cobrar: "hai quen tivo que ir a Cáritas, e a unha compañeira sacáronlle a custodia da filla"
Por María José Pita & Cristina Saiz
Cúmprense tres meses de folga do persoal do servizo de limpeza de Correos. O pasado 4 de setembro, os preto de 300 traballadores que conforman o cadro de persoal en Galicia plantábanse ante os reiterados abusos que viñan sufrindo por parte da concesionaria Limpiezas JCórdoba (SCT-JCordoba).
A precarización era unha constante no día a día, con contratos por horas ou mesmo 20 minutos para a limpeza de toda unha oficina de Correos, falta de repostos de material ou constantes atrasos nos pagos. A situación tornou dramática no verán, cando se interrompeu o aboamento das nóminas. "A nómina do mes de xullo xa non a cobramos, débennos xullo, agosto, setembro, outubro e novembro", indica a PontevedraViva en conversación telefónica Óscar Iglesias García, presidente do comité de empresa na provincia da Coruña, dende onde "estamos levando o que lle pasa a todas as compañeiras de Galicia".
En total, estas traballadoras e traballadores levan cinco meses sen cobrar o seu soldo. Para moitos, este diñeiro supoñía o único ingreso do fogar. "Atopámonos moi mal, hai quen tivo que acudir a Cáritas para que lle abonaran o alquiler e que lle fixeran compra; e outra compañeira, que xa é triste e vergonzoso, sacáronlle a custodia da filla por non ter nada para darlle, ata que se resolva a situación, eu non entendo este sistema", laméntase Iglesias.
O representante dos limpadores, na súa maioría mulleres, asegura que "moitos están en tratamento psicolóxico". Conformen pasan os meses, a desesperación aumenta, e a proximidade das festas do Nadal non fai máis que agudizar un problema que xa era grave no inicio da folga en setembro. "Coincidiu coa entrada no colexio dos nenos, xa en setembro non se cobraba, e agora chegan as Navidades e a xente está desesperada por todos os lados, e aínda por riba din (dende Correos) que isto se vai solucionar", quéixase Iglesias.
DÍAS DE INCERTEZA
Esta promesa de solución á que se refire Óscar Iglesias producíase este martes 28 de novembro. "O martes tivemos unha reunión coa directiva de Correos e dixeron que nesta semana íase arreglar todo, que lles deramos un prazo de 24 horas. O xoves (30 de novembro) mandeille un Whatsapp á representante de Correos e díxome que aínda estaba o consejo de administración reunido, que solo faltaba unha firma e que xa pronto mo dicía. Ás oito da noite volvinlle insistir, díxome que acababa de saír da reunión pero que mañá (venres 1 de decembro) entre as 10:30 e as 11:00 xa me dicía que empresa iamos ter e como se vai proceder; e nada, sigo esperando. Eu creo que estarán mirando a ver quen llo fai máis barato, alá eles coas súas contas".
"O martes dicían que en 24 horas estaba arreglado e tres días despois estamos nas mesmas"
Iglesias recoñece que esta incerteza é un sinvivir. "Todos os compañeiros están nerviosos, para iso que non houberan dito nada, o martes dicían que en 24 horas estaba arreglado e tres días despois estamos nas mesmas, un desastre". Ao peche desta información, o comité de empresa seguía sen obter unha resposta por parte de Correos.
"Nós de momento seguimos coa folga, mentres non haxa algo claro de que empresa nos vai coller e como se vai proceder á subrogación e o pago dos importes adeudados, seguiremos para adiante". Este sábado 2 de decembro convocaron en Santiago "unha asamblea do comité dos compañeiros de Galicia para falar do tema para ver como se vai proceder para a semana que vén se non hai información ningunha".
INTERRUPCIÓN DO CORREO EN GALICIA
A noite do domingo 3 de decembro ao luns 4 vai ser crucial. Nesa data vén de anunciarse unha folga indefinida no centro loxístico de Santiago de Compostela (Centro de Tratamento Automatizado de Lavacolla), onde os traballadores levan meses denunciando a proliferación de ratas e insectos e a insalubridade das instgalacións despois de cinco meses sen servizo de limpeza. "Alí canalízanse as cartas e paquetes para toda Galicia e poden meter presión, parece un basureiro en lugar dun centro de traballo".
A folga anunciada no CTA de Lavacolla paralizará toda a actividade postal en Galicia
De ir adiante a folga no CTA de Lavacolla, dende o luns paralizaríase toda a actividade postal en Galicia. Para Iglesias esta pode ser a clave para que Correos achegue unha solución inmediata. Neste punto, hai dous exemplos recentes: Madrid e Barcelona. Son dúas das 16 provincias onde Limpiezas JCórdoba ten a concesión do servizo de limpeza nos centros de Correos. Apenas un día despois de iniciar a folga de limpadores, a empresa pública resolveu o contrato e, dende estes pasados xoves e venres, respectivamente, os limpadores volveron ao traballo cunha nova contrata que se comprometeu a aboar as nóminas atrasadas. "En Madrid parece ser que colleuna Limpiezas Crespo e en Barcelona Lincamar", apunta Óscar Iglesias.
Con todo, a resolución deste longo conflito laboral e social ten luces e sombras. "Non entendo como poden empezar a traballar (en Madrid y Barcelona) sen uniformes, sen nada". Por iso, á agarda dunha resposta para Galicia, móstrase cauto. "Dixéronnos que o primeiro que ían solicitar (á nova empresa concesionaria) é que nos abonaran as deudas, pero non sabemos nin en que forma nin como o van facer, pero bueno", afirma cun ton de voz pausado, que adoece o cansazo destes meses de loita.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras denuncia o "caos" e o "abandono" no servizo de Correos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Correos conta na cidade de Pontevedra con 16 vehículos eléctricos
Por Redacción |
-
Cincuenta días de folga de limpeza en Correos e traballadoras sen cobrar dende o verán
Por María José Pita |
-
O persoal de limpeza de Correos camiña cara ao mes de folga indefinida: "Queremos cobrar"
Por Redacción |
-
O servizo de limpeza de Correos plántase ante o atraso no pago das nóminas por parte da concesionaria
Por Manu Otero |