RADIO.- Por que este actor e fotógrafo de Roma viaxa a Pontevedra en busca desta muller?
Por Marisa Ciordia
Que motiva a un cidadán de Roma a coller un avión para desprazarse pouco máis de 48 horas a Pontevedra en busca dunha muller da que ten unha fotografía tomada na década dos 60 e algúns datos profesionais? Eses motivos relátaos no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio, Filippo Trojano, actor e fotógrafo.
Descoñece totalmente esta capital, pero sabe perfectamente por que veu aquí. Esta aventura ten como coprotagonista a unha muller, a que aparece no cartel que colocou no centro de Pontevedra acompañado dun texto: "Soy Filippo Trojano, fotógrafo de Roma y estoy intentando ponerme en contacto con la señora Carmen del Valle, restauradora, originaria de Pontevedra, que fue 'colega' del mismo instituto de restauración de Roma que mi madre, María Antonietta Gorini, en los años 1960. ¿Puedes ayudarme a encontrar sus datos de contacto? fotografia@filippotrojano.com".
Unha fotografía en branco e negro. A fotografía dunha muller sentada de perfil, nunha pose de recollemento. Igual que a muller do cadro de 'A Anunciación' de Caravaggio, pintado en 1608. Un lenzo no que a Virxe María recibe o anuncio do arcanxo San Gabriel de que vai ser a nai de Jesús. Quen fixo aquela fotografía? con que motivo? por que esa fotografía forma parte dunha documentación do Istituto Centrale per il Restauro?... son moitas incógnitas que Filippo quere chegar a saber.
E... logrou achegarse a esta muller pontevedresa? tivo os resultados que esperaba?. Preguntas que teñen resposta escoitando o podcast completo na ligazón que se adxunta ou tamén escoitando e descargando desde a web de PontevedraViva Radio.