Actualmente no Salvador, ter unha complicación obstétrica que derive nun aborto pode supoñer prisión. Segundo os datos que sinala a Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanosentre 1998 e 2019, "181 mulleres foron denunciadas e procesadas por aborto ou por emerxencias obstétricas que provocaron morte ou risco de morte aos fetos".
Unha forma de violencia cara á muller contra a que traballan no país centroamericano activistas como Bea Salazar: "ningunha muller pode decidir sobre un embarazo nin ter un aborto. Temos nenas de nove anos embarazadas produto de violacións. Ningún Estado pode obrigar a unha nena á maternidade. A lei que penaliza o aborto tamén criminaliza. Son mulleres de escasos recursos económicos, da área rural, que non tiveron unha educación e menos unha educación sexual. Esas mulleres son condenadas, tiveron complicacións obstétricas, abortos expontáneos e chegaron ao sistema de saúde porque é obrigatorio atendelas, pero este denunciounas".
A pedimento da Coordinadora Galega de ONGs - en colaboración coa Deputación -, Bea Salazar participa estes días nunha serie de charlas e reunións con responsables políticos, colectivos feministas e centros educativos. No Cara a cara cóntanos como comezou no activismo social - participando na guerrilla salvadoreña durante a guerra civil daquel país (1979 - 1992) -, e puxo en marcha xunto a outras seis mulleres un movemento feminista unha vez concluído o conflito armado.
Di no podcast de PontevedraViva Radio que "O Salvador é un país tan pequeno que posiblemente non se vexa no mapa, pero a pesar do contexto centroamericano non favorable para a muller, o que máis me motiva é que haxa outras persoas interesadas en saber e recoñecer que as defensoras existismos, a pesar de que o Estado non o faga. Ao sentir ese respaldo doutros países fainos sentir máis fortes".