Carla Santoro Cernadas partició o pasado xuño, por segundo ano consecutivo, no Campionato de España para atletas con disfuncionalidad visual, que tivo lugar en Segovia. Do mesmo xeito que na primeira ocasión volveuse a traer outras tres medallas de ouro. Metais en salto de lonxitude, 50 e 500 metros lisos. De igual forma regresou a Ponte Caldelas con novas marcas persoais e un novo récord nacional na súa categoría de idade, benxamín.
Na modalidade de 50 metros lisos, o seu tempo foi de 8 segundos 85 centésimas; mellorando a súa marca persoal. O resultado non foi tan sobresaínte en 500 metros, cun tempo de 1' 54 ''. Destacou no salto de lonxitude, no que superou tamén a súa marca, alcanzando os 3 metros 32. "Sei que salto moito e aí sempre me ilusiono moitísimo" cóntanos Carla neste Cara a cara.
De algo máis dun centenar de participantes neste Campionato, só tres procedían de Galicia; xunto a Carla, Xiana Pungin e Jairo Salgueiro que se clasificou para o Mundial de agosto en Suíza. Esta escasa presenza atribúea Vanesa Santoro - nai da menor -, á falta de información e a que "creo que tamén hai medo por parte dos pais. Eu anímolles a que leven aos seus fillos a este tipo de probas, porque máis aló de medallas e marcas, as experiencias e a convivencia que extraen de convocatorias como esta é o máis importante". De feito Carla cita a novas amizades de diferentes puntos de España que fixo grazas á súa presenza nesta convocatoria.
Iso si, que ninguén se chame a engano, as dificultades seguen presentes, e non referidas a disfuncionalidades físicas ou psíquicas: "cada vez que imos a unha proba descubrimos que hai axudas, pero cando volvemos e empezamos a chamar, ninguén sabe ou péchanseche as portas". Evidencia a tesitura os casos de Jairo e Xiana, que si que dispoñen de axudas económicas nas provincias de Ourense e A Coruña a través das súas administracións provinciais.