RADIO.- O podcast 'Cos 5 sentidos' trae a conexión entre Marín, Diego Arias e o polbo
Por Redacción
'Cos 5 sentidos' cambia este mes de marxe na ría de Pontevedra. Tras os tres últimos programas en Poio, esta vez sitúase en Marín. Non só en Marín porque o produto da ría do que fala leva ata o interior de Galicia.
Algunha vez preguntáches por que na comarca do Carballiño as súas pulpeiras e o seu polbo son tan afamados?. Escoitando este podcast atoparás a incógnita despexada. A vila marinense e o Mosteiro de Oseira gardan unha relación histórica que está unida por don Diego Arias de Deza.
Hai que retroceder ata o século XII. Don Diego Arias era un nobre, procedente do Deza, como o seu nome indicaba, que foi capitán da raíña Urraca. Cando este cruzado decidiu abandonar a milicia, a raíña fíxolle entrega do coto de Marín como contraprestación polos seus servizos.
Alí viviu en compañía da súa esposa, tamén chamada Urraca, ata que esta faleceu. A decisión que nese momento tomou o nobre resolve a conexión que buscamos; pero evidentemente, non faremos spoiler. Pódelo descubrir escoitando o podcast na ligazón que se adxunta ou tamén, escoitar e descargar na web de PontevedraViva Radio.
'Cos 5 sentidos' é unha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence (#enceplansocialpontevedra).