RADIO.- Os pontevedreses Thee Blind Crows celebran os seus quince anos con disco e xira
Por Marisa Ciordia
"Dise pronto, parece que empezamos onte, pero empezamos a tirar para atrás e..." e xa cumpren quince anos de traxectoria musical. Quen di isto é Alberto, a metade marinense do dúo Thee Blind Crows; a outra metade, pontevedresa, pona Diego. Percorremos con eles no podcast 'Cara a cara' ese tempo pasado, o momento actual e o que está por vir, polo menos o que xa é certeiro, a súa xira.
"Quince anos de banda e quince de amizade" porque ambos coincidiron cunha terceira persoa que lles propuxo axuntar as súas virtudes e influencias musicais. "Diego, ti tocas a guitarra, Alberto, ti a batería, por que non vos xuntades un día e a ver que sae?" e así empezaron. Inicialmente eran Noisy Room pero cambiaron o nome a Thee Blind Crows cando deron o paso para compoñer temas propios. Aínda que blues e punk vaian por separado, "están moi relacionados" defende Alberto para falar da música que fan: "o punk é a actitude e o blues é a guía".
Este álbum de décimoquinto aniversario é o cuarto da súa traxectoria. O seu nome, o do propio grupo co engadido de 08 e 23 que son os díxitos finais do ano de comezo e o actual. Para este elepé especial tiveron ademais a colaboración dos dous baixistas - Samu e Santi - que tamén formaron parte de Thee Blind Crows e de Eva Outeiro para o tema 'Corvo cego'. E falando de temas, para cadrar o círculo, quince anos, quince tracks: "hai temas novos, outros antigos, démoslles a volta a algún anterior e tamén metemos instrumentais".
Tras un primeiro evento en Vilagarcía, inician os concertos de xira este próximo 3 de novembro na Salasón de Cangas, logo teñen pechados directos na Coruña, Santander, Cambados, Madrid... e ata aí deixan descuberto, aínda que o inverno e a primavera prometen. O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.