O nome de Manuel Ríos San Martín está vinculado a exitosas series de televisión como 'Médico de familia', 'Colegio mayor', 'Compañeros', 'Sin identidad' ou 'Raphael', ben como produtor, director ou guionista. Dirixiu 'No te fallaré' e foi coguionista de 'Amigos' ou 'Maradona, la mano de Dios'.
É ademais autor de catro novelas, a última, 'El olor del miedo', que acaba de publicarse e a súa promoción tróuxolle a Pontevedra.
'El olor del miedo' é unha novela de intriga. O escenario é o bioparc de Valencia onde alguén está a acabar coa vida de varios dos animais que alí viven. Unhas páxinas onde os lectores non só mergúllanse no esclarecemento destas mortes, tamén entran nun debate sobre a vida animal e a vida humana. "Gústame falar na miña vida cotiá destes temas e oxalá que a novela xere un debate, pero un debate máis profundo do que se adoita dar en redes sociais", comenta no podcast 'Cara a cara'.
Preguntámoslle por nomes propios que aparecen no libro como Félix Rodríguez de la Fuente e Juan Luís Arsuaga: "desde que era neno a miña nai líame as súas enciclopedias e como os nenos da miña xeración vía a súa serie en televisión. E Arsuaga fai análise sobre a vida e a evolución desde o punto de vista científico, pero moi divulgativo. Tendemos a pensar que os animais se parecen a nós, pero Arsuaga dálle a volta e di que somos nós os que nos parecemos a eles".
Desde logo non lerá igual estas páxinas un lector que se posicione como animalista, especista, antiespecista, ou humanista. Os instintos, os sentimentos, a morte, a conciencia da morte, o medo, o mantemento da especie e a maternidade... asomámonos a todo iso na charla que mantemos e que podes escoitar completa na ligazón que se adxunta ou descargala desde a web de PontevedraViva Radio.