RADIO.- De 'Piscinas vacías' a 'Los astronautas', así é a literatura de Laura Ferrero
Por Marisa Ciordia
Laura Ferrero Carballo volveu visitar Pontevedra estes días. Esta última ocasión foi para participar como escritora na recente Festa dos Libros e con tal motivo charlamos con ela no 'Cara a cara'. Falamos coa autora e tamén coa editora e a xornalista.
O seu último título, de este mesmo ano é 'Los astronautas', unha novela que xurdiu ao ver unha fotografía cos seus pais e dando lugar a "unha historia ficcionada da miña familia". E de familias charlamos, do que era esta institución hai corenta anos e o que son agora:"a familia é o primeiro mundo ao que pertence unha persoa. O desexo de pertencer é algo que nos marcou a todos.
Nos oitenta eran excepción os fillos que tiñan pais separados ou divorciados e actualmente, case a situación deu a volta. Non había referentes e tamén estaba o peso da relixión, polo que había un tabú, un estigma constante. Todos estes anos os españois aprendemos a separarnos. Non se se estamos agora na situación oposta, pero xa non é tabú".
Ademais de 'Piscinas vacías', 'Qué vas a hacer con el resto de tu vida', 'El amor después del amor' y 'La gente no existe' tamén foi guionista, e fíxoo xunto a Isabel Coixet. Un mundo que "me parece fascinante", alude. Coñece o sector editorial desde dentro e o feito de que ela fixese con éxito o tránsito da autoedición á fichar por unha editorial - advirte- , non significa que pase de forma habitual.
Estudou Filosofía e Xornalismo, "pero non me considero xornalista. Eu creo que non podería traballar nun xornal pola inmediatez, necesito o tempo da reflexión e por tanto gústame escribir sobre cinema ou literatura porque son máis subxectivos e permítenme o tempo para pensar o que quero dicir", apunta no podcast que se pode escoitar completo na ligazón que se adxunta e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.