RADIO.- O 'rhetor' Carlos de Miguel ficciona a historia do baixo imperio coa novela 'El ocaso de Roma'
Por Marisa Ciordia
'El ocaso de Roma' é un podcast centrado no baixo imperio romano e a antigüidade tardía que desde 2017 produce Carlos de Miguel. Este vallisoletano, licenciado en Historia é docente, divulgador e acaba de publicar unha novela de ficción histórica co mesmo título. É frecuente pasar un texto literario a formato podcast; pero este caso é o contrario, por que?: "por pura necesidade. Empecei como profesor, daquela a necesidade de divulgar que tiña para darlle máis difusión levoume ao podcast e o terceiro paso era a novela. Levar este teatro económico, político e social ao que insiro personaxes ficticios e reais e facer que se relacionen nese mundo", cóntanos o autor no 'Cara a cara'.
O libro sitúa ao público lector no século III, un período da historia moi pouco tratado e desvirtuado tamén: "o baixo imperio romano sempre aparece moi gris, moi triste, cheo de invasións e non é así, é un período culturamente moi rico onde o cristianismo vai tomando cada vez máis forza e con grandes gobernantes. É un período moi interesante da historia que eu, tanto a través da novela como o podcast, trato de reivindicar".
'El ocaso de Roma' está ilustrado con mapas daquel imperio, inclúe un extenso glosario de termos latinos, un índice de personaxes entre os que está un dos seus protagonistas, o emperador Constantino e códigos QR para complementar a lectura da novela cos audios dos podcast. En definitiva, como resume Carlos de Miguel, un libro "non só aprender de historia senón tamén gozar da literatura". Pódese escoitar o podcast 'Cara a cara' completo na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.