RADIO.- O Día das Letras Galegas que cambiou a filosofía de vida de Xacobe Medina Dacasa
Por Redacción
En 2015 Xacobe Medina Dacasa tiña 15 anos. Aquel 17 de maio dedicábase o Día das Letras Galegas ao seu bisavó José Filgueira Valderde. Foi un antes e un despois para aquel adolescente.
Lémbrao así no podcast 'Cara a cara': "era un rapaz que aínda que estudaba moito, estudaba para sacar nota, pero a partir daquel momento estudou para aprender. Deime conta da importancia do meu bisavó. Ata entón era unha figura idealizada. Deime conta diso e ao escoitar como falaban Alonso Montero, Fina Casalderrey, Suso Ferro, díxenme: eu quero ter eses coñecementos, poder expresarme desa forma."
Agora ten 23 anos, está graduado en Filosofía pola Universidade de Santiago na que realiza un máster e recentemente publicou o seu cuarto libro, 'Lembranzas dun mestre subvesivo'. O primeiro como novela e tamén o primeiro que conta cunha editorial como respaldo e que é Xerais. Con dezasete anos autoeditou un ensaio filosófico, 'A vida actual segundo os deuses', con dezaoito 'Adral de Filosofía' e en 2020 'Memorias dun profesor'.
Charlamos tamén co Xacobe músico, disciplina que comezou a estudar de neno e que lle supuxo con catorce anos ser titular da Orquestra de Nenos Sinfónica de Galicia. Voluntariamente puxo fin ao seu perfil de violinista porque percibía aquel ensino como unha "disciplina demasiado castrense".
Descubriu aos Beatles con seis anos e fálanos da súa "beatlemanía ou beatlefilia, dependendo se queres velo como enfermidade ou non" e explica o por que desa obsesión que sente polos de Liverpool.
Para terminar a charla preguntámoslle polo seu futuro e fai gala da súa mochila filosófica apuntando diversos camiños; iso si, "sen abocarse á frustración, porque hai que asumir que en ocasións as cousas non só dependen dun".
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e descargalo na web de PontevedraViva Radio.