Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Felisa Segade, Patricia Segade e Montse Rivera están a ter un 2023 moi intenso. Como cantareiras, como pandereteiras, como compañeiras; en definitiva, como cada unha das partes de Leilía. A formación despídese de trinta e catro anos dedicadas á música popular da terra á que pertencen, da que son fillas, como lles dixo en certa ocasión Suso de Toro.
Xunto a Ana Rodríguez imos refacendo esta andaina que comezaba en 1989 e que abría un camiño de recuperación cultural e social da Galicia rural. Rescataban do esquecemento cantos, formas de tocar a pandeireta, bailes que acompañaran tradicionalmente á muller na súa vida cotiá. E na súa reinterpretación, erixíanse nas primeiras cantareiras e pandereteiras que subían como protagonistas aos escenarios. "Dignificamos o papel da muller que era a que estaba detrás do gaiteiro e a quen se pagaba nas festas importantes; pero a festa do día a día era das mulleres, elas crearon e transmitiron esa riqueza oral", comenta no podcast 'Cara a cara'.
Están a virar con 'Vidas cantadas', o espectáculo co que se queren despedir - do que se editará álbum -, e que fará unha pausa no outono para afrontar ata xaneiro os últimos concertos. "Temos moito polo que estar contentas, moito polo que estar orgullosas e moito polo que estar emocionadas. Vivimos agora mesmo un momento de montaña rusa porque nos vai a custar moito que Leilía pare, porque Leilía habita en cada unha de nós", di Ana. E así, cada directo está a ser unha fracción desa despedida que será definitiva en Santiago o 13 de xaneiro de 2024.
Podes escoitar o programa completo na ligazón que se adxunta a esta información e descargar o podcast desde a web de PontevedraViva Radio.