A película ‘Ons’, rodada por enteiro na illa, competirá no Festival de Cine Europeo de Sevilla
Por Redacción
A quinta longametraxe do cineasta compostelán, Alfonso Zarauza, titulada ‘Ons’, fará a súa estrea en novembro no Festival de Cine Europeo de Sevilla, ao tempo que competirá na sección de nova creación ‘Special Screen’.
Nesta edición preséntanse catorce longametraxes de países como Reino Unido, Bélxica, Francia, Irlanda ou Dinamarca, e será a votación do público a que decida este novo premio, dotado con 10.000 euros.
Toda a película foi rodada na illa de Ons no outono de 2019, á cal acode un matrimonio en crise para tratar de salvar a súa relación. No dossier da fita refírense a ‘Ons’ como "filme de madurez, intimista e cunha profunda mirada autoral, no que destaca tanto o que non se conta como o que se conta, ademais da paisaxe agreste de Ons como escenario da intemperie emocional dos seus protagonistas".
Encabezan o elenco Melania Cruz, recentemente galardoada na última edición do FICBUEU, e Antonio Durán ‘Morris’. Completan o reparto, o actor pontevedrés Xulio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.
O equipo artístico e técnico é 100% galego liderado por Alfonso Zarauza, que ademais asina o guión canda Jaione Camborda; Alberte Branco na dirección de fotografía; Elia Robles na dirección de arte; Sergio Silva e David Machado na dirección de son; ou Xavi Font na produción executiva. A banda sonora contén temas dos grupos Chicharrón e Leilía.
Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014).
‘Ons’ está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
RADIO.- "Vai custar moito que Leilía pare, porque Leilía habita en cada unha de nós"
Por Marisa Ciordia |
-
"Ons" celebra en Pontevedra ser a segunda película máis vista nos cines galegos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O reparto e o director Alfonso Zarauza presentarán 'Ons' na apertura do Culturgal, antes da súa estrea nas salas comerciais
Por Redacción |
-
"Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres de Pontesa, estrearase en Sevilla
Por Alejandro Espiño |
-
A actriz Melania Cruz, Premio Cinema Galego do FICBUEU
Por Redacción |