O rostro e a voz de Elvira Mínguez son coñecidos na pantalla desde hai máis de dúas décadas. Comezou no teatro e logo no cinema con 'Días contados', conseguiu un Goya polo seu papel en 'Tapas' - non é o único galardón da súa traxectoria como actríz -, nos últimos anos formou parte da repartición de 'El desconocido', 'El tiempo entre costuras', a triloxía do Baztán de Dolores Redondo, 'La casa del caracol' ou a serie 'Desaparecidos'. Nesta ocasión queremos coñecer á Elvira Mínguez escritora, porque desde este pasado febreiro ten publicada a súa primeira novela: 'La sombra de la tierra'.
Mínguez lévanos a un pequeno municipio zamorano de finais do século XIX, Villaveza del Agua. Alí dúas mulleres, Atilana e Garibalda, libran unha guerra de poder e vinganza desatada coa morte do marido da primeira. Pódese dicir que é unha novela matriarcal: "eu quería traballar sobre personaxes femininos cunhas características que normalmente se lles dá aos personaxes masculinos", di a autora no podcast 'Cara a cara'.
Tamén aparecen abusos sexuais intrafamiliares que "seguen sendo un tema tabú na sociedade actual e tendemos a mirar a outro lado; pero os datos están aí. Quería lexitimar tamén dalgunha forma a todos eses nenos e as consecuencias que isto ten. 'La sombra de la tierra' titúlase así porque narra esa parte que normalmente non vemos porque estamos distraídos nas zonas de luz e non somos capaces de fjarnos no contorno escuro".
O programa completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se descarga desde a web de PontevedraViva Radio.