RADIO.- Gabriel Peso co seu novo disco 'Ataraxia': "volvín a dalo todo e espero estar así toda a miña vida"
Por Marisa Ciordia
Volve Gabriel Peso a PontevedraViva Radio co seu terceiro disco e cunha xira por Galicia para presentalo. Leva un 2022, entrando na súa recta final, moi intenso, grazas a que este ano o pulso dos concertos en vivo e as xiras recuperou e superou a súa actividade. Charlamos con el recentemente chegado da capital madrileña, onde reside. E chega a casa, porque Pontevedra é a súa casa, é a súa familia e tamén 'Ataraxia'.
A portada, a contraportada, o interior de 'Ataraxia' é a ría de Pontevedra. Así o quixo Gabriel porque sempre estivo e está na súa retina. 'Ataraxia' é temporalmente Pontevedra, onde pasou o confinamento pandémico e aproveitou para materializar as ideas que o trafego diario da súa profesión imposibilitábanlle desenvolver. "Estaba vinte e catro horas ao día sen ter noción do tempo, puiden dedicarme a plasmar esas melodías que tiña dentro", lembra.
Musicalmente tamén é Pontevedra porque: "comparto a esencia romática, lírica cos ritmos do folclore galego en formato de trío de jazz". Neste formato sente comprometido, realizado e libre. Di este pianista, produtor musical, arreglista e compositor que en 'Ataraxia' mostra a súa evolución persoal e musical respecto aos dous discos anteriores. E outro engadido, 'Ataraxia' significa paz, tranquilidade e ausencia de medos "que era o que estaba a sentir" cando o compoñía "e o que quería transmitir".
Iniciou a xira este pasado mércores en Ourense, á que seguiu Santiago de Compostela. Este venres 2 de decembro vai estar presentando 'Ataraxia' xunto a David Ruiz e Miquel Asensio no Náutico de San Vicente do Grove ás 20.00 horas. Mañá sábado 3 continuará en Jazz Filloa da Coruña ás 21.45 horas e polo momento, completará o domingo 4 en Clavicémbalo de Lugo ás 13.30 horas.