As xiras non son só para os músicos. Ben o sabe estas semanas Juan Gómez Jurado, xornalista e autor - entre outros títulos para público adulto e xuvenil - de 'El paciente', 'Cicatriz' e a triloxía 'Reina roja', coa que conseguiu ser o autor máis leido en España e traducido a decenas de idiomas. O pasado outubro poñía no mercado a novela 'Todo arde'.
Reincide no thriller, ou como se comentou algunha vez, no xénero "non podes parar" así que cando se abra 'Todo arde' hai que telo en conta. "Unha das cousas que máis me din e do que máis me enorgullezco, é cando fago perder á xente trens, avións, pasarse paradas de bus ou de metro porque estaban enfrascados lendo os meus libros, ou quedar espertos ata altas horas da mañá... se estas cousas suceden non é culpa miña, é culpa túa e eu que me alegro moito", dinos - humor presente -, no podcast 'Cara a cara'.
Non é un spin off, "dentro do universo 'Reina roja' hai moitas historias que teñen que ver con cousas que lemos xa antes. Unha delas é a de Aura, Irene e Mari Paz, tres mulleres moi diferentes entre si, con problemas moi diferentes, pero que de súpeto descobren que a solución aos seus problemas é común. E partir de aquí comeza a historia", sitúanos Gómez Jurado durante o programa de PontevedraViva Radio.
Hai quen pode descubrir unha reivindicación contra a insubmisión vital e o autor responde respecto diso: "ocorre unha cousa moi fermosa e interesante e é que cando estás a ler o libro, o que estás a achegar é como o liches, quen es, as túas experiencias, as túas lecturas, a túa sabedoría, a túa interpretación sobre o que eu fixen. Ese é o meu truco, eu escribo a metade do libro - como todos os autores - e tí escribes a outra metade".
Mentres promociona esta nova novela, Juan Gómez Jurado tamén participa no tránsito de 'Reina roja' ao cinema, que se atopa actualmente en plena rodaxe e que se espera que Prime Vídeo estree en 2023. "A historia é a mesma, pero a linguaxe é diferente e para min unha aprendizaxe".