RADIO.- Sergio Costas publica con só sete anos o seu primeiro libro, 'O monstro e a nena', ilustrado polo seu pai
Por Marisa Ciordia
Sergio Costas Chaos é un neno de sete anos e ten unha gran imaxinación e creatividade. Jorge Costas estudou Dereito, pero desde fai vinte anos traballa para o sector do cinema de animación. Como o seu fillo, tamén atesoura imaxinación, creatividade e un amplo currículo profesional que lle fai partícipe de recoñecidos títulos como 'Planet 51', 'La gallina turuleca' - Goya 2020 á mellor película de animación -, 'Mortadelo e Filemón contra Jimmy o Cachondo', 'O soño dunha noite de San Xoán', 'O espírito do bosque', 'Parque máxico', ...
Durante o confinamento de 2020, unha tarde de xogos, inventaron unha historia. Sergio pensou nun monstro e Jorge debuxouno. Sergio quixo que o monstro tivese os seus dous cornos e Jorge debuxoullos. Sergio imaxinou que ao monstro doíalle un corno ... e a partir de aí deron lugar a un libro que chegaron a imprimir en casa.
Jorge contactou co ilustrador pontevedrés Kiko da Silva para mostrarlle aquela creación e comezou outra historia que derivou na edición do primeiro libro de Sergio Costas ilustrado polo seu pai (Galaxia). Pai e fillo trouxéronnos unha entrañable entrevista a PontevedraViva Radio.
E esta visita pode que non sexa a última porque nos avanza Sergio que xa ten protagonista para un segundo libro. Mentres tanto, o seu pai está inmerso nunha animación baseada nun conto alemán que difundirá a plataforma Netflix. Antes poderase ver a segunda curtametraxe que ten como protagonistas a dous personaxes ben coñecidos en Galicia: Floreano e Monchiña, de Gogue e que di Sergio no 'Cara a cara' que son os preferidos do traballo do seu pai.