RADIO.- Polo Correo do Vento achéganos á "escritora co violino" que homenaxearán as Letras Galegas 2024
Por Redacción
As Letras Galegas teñen en 2024 nome feminino e no 'Cara a cara' achegámonos á muller que se homenaxeará o próximo mes de maio, Luísa Villalta. Facémolo a través da última publicación, a undécima, da colección Mulleres Galegas que traen desde Polo Correo do Vento. Charlamos con Enrique Mauricio de 'Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta'.
Coruñesa de orixe, naceu en 1957 e falecía en 2004. Como autora escribiu poesía, teatro, ensaio, ficción, tradución e artigos en prensa e revistas especializadas. Unha das súas constantes é que "a música sempre aparece pola súa obra", e é que Villalta era titulada superior en Violín e defínena como "a escritora co violino".
O Consello da Cultura Galega sinala que "destaca pola forza da súa voz e o seu compromiso social". É este aspecto o que, lembra Enrique Mauricio, máis lles chamou a atención durante a parte investigadora do proxecto, "sabiamos que era unha muller comprometida e valente. Era ecoloxista, feminista, pronunciouse contra a especulación urbanística, estaba comprometida co pobo palestino...", engadindo que "morreu en 2004 pero o seu pensamento é de agora mesmo".
Dado que é unha publicación dirixida a público infantil, adaptan esta personalidade á comprensión dos seus destinatarios e para iso "é fundamental o traballo da ilustradora Tania Solla", que xa plasmou o seu quefacer a outros títulos da colección. O libro está dispoñible en librerías e pola súa banda Polo Correo do Vento planifica xa varias actividades para o ano próximo ao redor de Luísa Villalta.
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.