As xentes de Pontevedra retoman as súas rutinas nas rúas e prazas da cidade neste tempo de desescalada. A progresiva remisión da pandemia do coronavirus devolve estes días ao imaxinario colectivo unha sensación xa vivida de recuperación do espazo público. Hai vinte anos que a cidade fora devolta para uso e goce das persoas, nunha peonalización admirada máis aló das nosas fronteiras.
Nunha cidade pensada para as persoas e que convida a paseala, os máis de dous meses de confinamento levan a preguntármonos ata que punto esta situación implicará un retroceso na conquista do espazo público ou unha oportunidade para revitalizalo.
Co reto de continuar na construción dunha cidade sostible, que permita afrontar a crise da Covid-19 e as súas consecuencias na global do clima, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participaba recentemente nun encontro telemático promovido pola fundación Climate Reality Project, impulsada por Al Gore, o ex vicepresidente dos Estados Unidos e Premio Nobel da Paz, e no que compartiu debate co alcalde de Vitoria, Gorka Urtaran, e a arquitecta e profesora de Harvard, Belinda Tato.
O alcalde defendía o modelo de cidade amable, de hábitat saudable deseñado de forma integral "para as persoas" e que pasa por realizar "un cambio de prioridades e de paradigma onde se reduza o uso privado da urbe" para afrontar os retos da emerxencia sanitaria e climática.
PREMIO INTERNACIONAL PARA UNHA CIDADE QUE COIDA O LOCAL
O modelo de Pontevedra como referente rexorde con forza na actual ‘volta á normalidade’ dunha vila pensada para fomentar os desprazamentos a pé ou bicicleta, grazas ás boas prácticas de mobilidade sostible que se están a desenvolver desde o Concello de Pontevedra, tal e como destacaba o xurado do Premio de Seguridade Viaria Urbana (Urban Road Safety Award), outorgado recentemente pola Comisión Europea á cidade do Lérez.
O alcalde lembra a importancia deste premio nun momento no que a cidadanía está a ser tamén exemplo de boas prácticas na presente crise sanitaria "pola facilidade que teñen os pontevedreses para cumprir as normas despois deste confinamento".
Con estas actuacións, a cidade volve a ser referente mundial na recuperación dos espazos cidadáns.
De feito, o xurado europeo manifestaba a súa admiración polo fomento dunha mobilidade pensada no benestar das persoas, ata tal punto que declaraba quedar "impresionado" por unha ampla gama de medidas, incluída a redución dos límites de velocidade a 10 e a 30 km/h, e a creación de máis espazos públicos atractivos para os peóns.
'ZONA 30' E 'ZONA 10'
Cunha chapa na lapela decorada cun sinal de limitación de velocidade a 30 km/h, Matthew Baldwin, o subdirector xeral de Mobilidade e coordinador de Transporte para a Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible da Comisión Europea, daba pistas sobre o proxecto urbano que fora elixido polo organismo da Unión Europea como merecedor do galardón. Unha chiscadela á cidade de Pontevedra acompañada dun xesto de complicidade e admiración, ao sinalar co dedo a súa chapa en alusión á regulación de 30 quilómetros por hora que rexe en parte do espazo urbano. Pódese ver a partir do minuto 1 e 38 segundos do vídeo.
"Por que a miña cidade non está facendo isto? E que podemos facer para que isto ocorra?". Con esta reflexión final, en alusión ás boas prácticas do calmado do tráfico e a mobilidade sostible, o comisionado de seguridade viaria facía un chamamento ás cidades a mirarse no espello de Pontevedra.
Unha cidade que en 2010 se convertía na primeira de España en ter todas as súas vías urbanas con velocidade limitada a 30 quilómetros por hora, modelo que a propia DXT tomaba como referencia, e que en 2019 daba un paso firme ao declarar ‘zona 10’ todo o centro histórico e as rúas da contorna, nunha redución do límite de velocidade que xa se realizaba de modo natural e que desde o Concello quíxose regular polo ben dos peóns e como recordatorio aos condutores.
'CERO VÍTIMAS' É POSIBLE
Tanto a Unión Europea como os organismos reguladores de cada país, como é o caso da Dirección Xeral de Tráfico en España (DXT), esfórzanse en reducir a cifra de mortos nas estradas interurbanas. Con todo, nos últimos anos desde a UE vénse alertando de que falta por atender ás vítimas nas zonas urbanas.
Nestas contornas, a efectividade das medidas de tráfico pasa por incluílas nun modelo de cidade máis amplo. E neste punto a UE mirou cara Pontevedra. Do mesmo xeito que hai xa cinco anos cidades tan populosas comoParís, Milán ou Edimburgo tomaron como exemplo á cidade do Lérez para adaptar o interior dos seus cascos urbanos e axeitalos ao límite de 30 km/h no que Pontevedra tomara a dianteira. Tamén medios internacionais de prestixio adoitan facerse eco dos logros da cidade de Pontevedra, como nos amosan The Guardian, Clarínou o Financial Times, entre outros.
O grande obxectivo que persegue Europa de lograr ‘cero vítimas’ nas vías urbanas é posible con modelos como o pontevedrés
O grande obxectivo que persegue Europa de lograr ‘cero vítimas’ é posible con modelos como o pontevedrés. Por este motivo, a escolla da candidatura liderada dende o departamento de Promoción da Cidade que dirixe a portavoz do goberno, Anabel Gulías, guiouse por unha decidida aposta polas persoas e por acadar o que semellaba unha utopía: cero mortes nas vías urbanas.
Razón de peso para que o xurado subliñase e louvase o feito de que Pontevedra "reducise as súas mortes en estrada na cidade de maneira importante dende 1999, logrando de maneira impresionante cero mortes en vías urbanas entre 2011 e 2018", unha estatística positiva que se mantén na actualidade.
Amais disto, o xurado incidía en que "a cidade empregou unha estratexia de monitoreo clara e coidadosa para identificar as políticas efectivas e cales debían actualizarse, cuxo resultado é unha mobilidade activa, como camiñar ou andar en bicicleta". E engade o feito de ser unha cidade na que todos contan, cunha cultura inclusiva xa dende a infancia, visible no feito de que "o 80% dos nenos de 6 a 12 anos camiñen sós á escola".
A FORZA DO TRABALLO COMÚN
O premio a Pontevedra é un recoñecemento para un modelo de cidade concibido por e para os seus habitantes. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, precisamente destacaba que esta distinción é compartida por toda a cidadanía, e neste senso manifesta que "sinto unha grande satisfacción e agradezo o comportamento de todos os pontevedreses porque todas as decisións que tomamos serven para que os espazos urbanos sexan seguros e a xente non teña que terlle medo aos coches que deben cumprir a súa función económica, contaminen menos e permitan a cohesión da cidade e o uso dos espazos públicos. E facer de Pontevedra unha cidade atractiva para vivir".
Pontevedra lograba este premio logo de vencer a competencia con outros 26 proxectos de gran nivel de toda Europa (10 do Estado español), xunto ás localidades finalistas de Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía).
Segundo explicou o alcalde, a Unión Europea estaba facendo grandes esforzos por reducir a violencia viaria nas vías interurbanas, pero existía un grave problema nas vías urbanas ao que Pontevedra está a dar resposta. Con este premio, a UE quere poñer en valor as accións das cidades que, dende o local, son un exemplo global, polo que o recoñecemento "é unha gran satisfacción porque neste momento todas as cidades teñen que posicionarse no mundo, e Pontevedra cremos que se está posicionando ben", engadía Lores.
PONTEVEDRA, DE NOVO NO MAPA INTERNACIONAL
O premio europeo de seguridade viaria non só reforza a aposta pola veciñanza dende o Concello de Pontevedra, senón que ten unha dimensión máis aló das nosas fronteiras. Moitas cidades e estudosos miran cara ao modelo pontevedrés, que reafirma os seus principios con cada galardón. Un camiño consolidado de premios que arrancaba no ano 2006, co recoñecemento dos graniteiros de Galicia á reforma urbana pola coidada utilización do granito para a restauración e a revitalización do espazo público. Unha aposta pola cultura propia e a identidade de seu.
Ata este último premio europeo de seguridade viaria, o modelo urbano colleitou galardóns tan salientables como o Premio Nacional da Cultura Galega (Santiago de Compostela, 2008), pola transformación urbana e o respecto e posta en valor do patrimonio histórico e arquitectónico; o da Fundación Fesvial de Seguridade Viaria (Madrid, 2010), outorgado por un xurado participado polas principais institucións do Estado relacionadas coa mobilidade e a seguridade, así como aseguradoras e academias de condución; o de Seguridade Viaria da DXT (Córdoba, 2011), pola mobilidade sustentable e o descenso da violencia viaria; declaración en 2012 de Pontevedra como ‘Cidade Solidaria coa infancia’ pola Fundación Meniños ou ‘Cidade dos nenos’ a proposta do pedagogo italiano Francesco Tonucci, o promotor deste proxecto, que conta con máis de 200 cidades adheridas en todo o mundo.
De aí deu o salto ao panorama internacional co Premio Europeo Intermodes (Bruxelas, 2013) pola aposta saudable polos desprazamentos a pé; ONU Hábitat (Dubai, 2014), en competencia con 4.500 candidaturas, como recoñecemento a un modelo urbano pensado para as persoas; o galardón do Center for Active Design (Nova York, 2015) que entrega este instituto americano relacionado coa Fundación Bloomberg Philantropies, adicado a fomentar o deseño urbano saudable e loitar contra o sedentarismo; Premio Eurochina á Mobilidade Intelixente (Hong-Kong, 2015) da asociación francesa Prospective et Innovation, que distingue iniciativas urbanas de mobilidade intelixente e deseño urbano; Premio Soft Mobility, Mobilidade Amable, pola promoción dos desprazamentos a pé e en bici (Shenzhen-China, 2016); ‘Premio á mobilidade para unha cidade mellor’, dentro dos World Slowness Forum and Slowness & Awards (Jenjou-Corea do Sur, 2017); ou a Distinción da Asociación Española para a Xerencia dos Centros Urbanos, pola peonalización do centro histórico (Valencia, 2017), entre outras.
A estes recoñecementos, hai que engadir a presenza da cidade en grandes citas internacionais. En 2015, Pontevedra recibía a invitación da man de Michael Bloomberg, o enviado especial de Nacións Unidas para as cidades e o cambio climático, e da propia alcaldesa de París, Anne Hidalgo, para participar no Cume Mundial do Clima celebrado na capital francesa. E máis recentemente, Pontevedra volvía estar presente na última edición do Cumio do Clima das Nacións Unidas, que se celebraba a finais de 2019 en Madrid e na que participaron delegados de case 200 países e unha asistencia de 25.000 persoas.
EFECTO PO2 FRONTE AO CO2
O modelo de cidade é un proxecto vivo que non só afecta a espazos físicos, senón que entronca coa calidade de vida das súas xentes e a súa contribución a un mundo mellor. É por iso que baixo o lema ‘Pensa globalmente, actúa localmente’ a Concellaría de Promoción da Cidade fará da loita contra o cambio climático unha das súas principais liñas de traballo neste mandato.
É un proxecto compartido por todo o goberno municipal, tal e como lembraba o alcalde na declaración de intencións ‘Efecto PO2. Medicina preventiva’ publicado enPontevedraViva: "Pontevedra leva moito traballo feito e quere seguir sendo pioneira na loita contra o cambio climático".
A concelleira responsable da área, Anabel Gulías, manifesta que chegou o momento de "vincular a imaxe de Pontevedra coa súa transformación urbana e a revolución ecolóxica que supuxo coa aposta pola loita pola emerxencia climática, que hoxe está en boca de todos". Recorda, así mesmo, que no momento en que Pontevedra impulsaba o seu modelo de cidade "non era un debate que se tiña" e que agora cómpre dar un paso máis e reivindicar a Pontevedra como protagonista do movemento polo clima porque "isto da emerxencia climática non só son as selvas, o Ártico ou o xeo, senón que nos afecta a todos".
O nome da campaña Efecto PO2 xorde dun xogo de palabras no que se substitúe o coñecido impacto sobre o quecemento do planeta do CO2 por unha denominación que alude a Pontevedra como exemplo de aposta polo medio que "coa posta en marcha de políticas de cambio de concepción de espazos públicos e redución de tráfico a motor, conseguiu reducir as emisións nun 66%", apuntaba Gulías.
Dende o modelo urbano de Pontevedra e a súa achega clave para a redución da contaminación por CO2, o seguinte punto nesta loita contra o cambio climático pasa por unha redución da pegada ecolóxica nos biorresiduos a través da compostaxe, na que Pontevedra volve a ser referente, e realizar unha xestión racional e eficiente da auga, empezando por reducir as fugas na rede de abastecemento e de sumidoiros.
Tamén desde a acción local, o Observatorio Urbano de Pontevedra está a estudar os efectos do modelo de cidade sobre a calidade do aire, as consecuencias ambientais e sobre as condicións de vida das persoas co obxectivo de que o Concello conte cun estudo actualizado sobre o impacto das medidas postas en marcha no deseño urbano, con vistas a poder implementar novas actuacións.
As accións de Efecto PO2 arrancaban o pasado mes de setembro coa adhesión á mobilización social pola emerxencia climática nunha histórica Folga Mundial polo Clima. Agora o reto é que a presente crise sanitaria, económica e social non impida aplicar medidas efectivas para paliar o quecemento global pois hoxe, máis ca nunca, o futuro do planeta está en perigo.