Nin o 'gol de Señor' salvou o Pontevedra do descenso na Primeira RFEF nun ano para esquecer

Pontevedra
30 de decembro 2023

A clasificación europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro e a permanencia do Waterpolo Pontevedra no seu primeiro ano en Primeira Nacional salvaron a cara dos equipos pontevedreses nunha tempada na que o Pontevedra viviu un tormento en Primeira RFEF ata terminar descendendo e na que o Club Cisne tampouco foi capaz de selar a permanencia na Liga Asobal

Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Unionistas de Salamanca en Pasarón
Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Unionistas de Salamanca en Pasarón / Cristina Saiz

O deporte pontevedrés viviu grandes momentos durante o ano 2023, con citas inesquecibles como a Gran Final das Series Mundiais ou o partido da España campioa do Mundo en Pasarón, pero para os clubs locais a tempada que se pechou no mes de xuño non foi precisamente positiva.

A clasificación europea do Tenis de Mesa Monte Porreiro e as permanencias do Waterpolo Pontevedra no seu primeiro ano en Primeira Nacional, do Bádminton Ravachol ou da Gimnástica en División de Honra salvaron a cara dos equipos da Boa Vila nun curso que foi especialmente tormentoso para o Pontevedra Club de Fútbol, que viviu unha torutura en Primeira RFEF ata terminar descendendo. Tampouco o Club Cisne foi capaz de selar a permanencia na Liga Asobal e a outros como o Arxil escapóuselle o ascenso. Destacou ademais a campaña dun Poio Pescamar que xogou por primeira vez na súa historia o play-off polo título de liga.

No que respecta ao Pontevedra, o 2023 empezou realmente torcido. Antonio Fernández comeu o turrón como adestrador dos granates, pero dúas derrotas nas dúas primeiras xornadas do ano acabaron co seu crédito, sendo cesado o día 18 de xaneiro e co equipo a 4 puntos da salvación xusto ao peche da primeira volta.

A entidade lerezana decidía entón apostar polo seu director deportivo, un Toni Otero que só durou seis xornadas no banco. Un só triunfo cun empate e catro derrotas (4 puntos de 18 posibles) no medio dun ambiente cada vez máis enrarecido con afeccionados e prensa, aos que chegou a prohibir o acceso aos adestramentos, propiciou unha nova substitución e ademais a saída do club de Otero, desposuído de todas as súas funcións. O equipo era entón pechacancelas a sete puntos da permanencia.

Era finais de febreiro e o Pontevedra ía a por o seu terceiro adestrador do ano na busca dun milagre para salvar a categoría, e optou polo protagonista doutra lembrada fazaña para tentalo, Juan Señor, o autor do famoso último gol do 12-1 de España a Malta. Levaba 19 anos afastado dos bancos profesionais.

O certo é que o seu inicio foi esperanzador. Perdeu na súa estrea en Fuenlabrada pero despois conseguiu tres triunfos en catro xornadas que dispararon a ilusión por salvar a categoría reducindo a distancia coa zona de permanencia aos tres puntos. Con todo os malos resultados fóra da casa (0 puntos de 18 posibles) terminaron enterrando todas as opcións.

Certificouse o descenso e abriuse unha época de importantes cambios na casa granate. O primeiro, tras a emotiva retirada dunha lenda como Charles Dias e co seu paso á secretaría técnica do club. O brasileiro asumía galóns na planificación deportiva e a entidade apostaba como un adestrador como Yago Iglesias para tentar ir de novo a por o ascenso a Primeira RFEF. Ademais volvía ao Pontevedra como mánager xeral Elías Espiñeira, coa intención de dotar de maior peso á estrutura da entidade.

A nova tempada empezaba con dous tropezos, con derrota na casa e empate a domicilio, pero o equipo empezaba despois a carburar gañando confianza a base de goleadas para terminar 2023 como líder de grupo e soñando con recuperar  en 2024 o terreo e a categoría perdida. Razóns para crer niso dá polo momento o conxunto granate.