E Alberto volveu a gañar... a pesar do 'efecto Pontón'

Pontevedra
30 de decembro 2021

Os galegos estivemos convocados ás urnas neste 2020 non unha, senón dúas veces. Iso si, tan só na segunda puidemos votar. A pandemia da covid-19 atrasou a xullo unhas eleccións autonómicas previstas para abril. Nelas, arrasou de novo Alberto Núñez Feijóo

Toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta

Os galegos estivemos convocados ás urnas neste 2020 non unha, senón dúas veces. Iso si, tan só na segunda puidemos votar. A pandemia da covid-19 atrasou a xullo unhas eleccións autonómicas previstas para abril. Nelas, arrasou de novo Alberto Núñez Feijóo.

O líder do PPdeG mantivo a súa hexemonía en Galicia. Logrou a súa cuarta maioría absoluta, as mesmas que logrou Manuel Fraga no seu día. Case un 48% dos galegos depositaron a súa confianza nel, demostrando de novo que a día de hoxe non ten rival.

Pero, sen dúbida, a gran sorpresa foi Ana Pontón. Foi quen de levar ao BNG a cotas históricas. Triplicou os seus resultados de 2016 e alcanzou o mellor rexistro da súa historia. Os seus 19 deputados superaron os 18 logrados por Xosé Manuel Beiras en 1997. O seu premio, liderar a oposición.

Os socialistas, con Gonzalo Caballero á fronte, salvaron os mobles. Mantiveron os 14 escanos logrados catro anos antes. Iso si, non evitaron quedar como terceira forza no Parlamento galego. Gobernar en Madrid non lles serviu como revulsivo electoral.

Nas eleccións celebradas o 12 de xullo, Galicia deu as costas á esquerda rupturista. Nin Galicia en Común, a alianza entre Podemos, Esquerda Unida e Anova, nin Marea Galeguista, onde seguiron as forzas municipalistas, lograron representación. 

Máis aló dos resultados, estes comicios galegos estiveron marcados, como non podía ser doutra maneira, pola pandemia. Máscaras, luvas e xeles acompañaron ás tradicionais urnas e papeletas como ferramentas imprescindibles e houbo máis seguridade que nunca.

Foi tamén unha campaña electoral atípica. Os partidos renunciaron aos grandes actos e optaron por achegarse aos cidadáns a pé de rúa, en lugares pequenos, sen aglomeracións e respectando as distancias de seguridade. Non quedaba outra.

A pesar diso, a loita polos votos dos pontevedreses deixou imaxes para o recordo

Como a Pablo Casado e Mariano Rajoy arroupando xuntos a Alberto Núñez Feijóo no escenario fetiche do PP, unha praza de touros que distou moito das grandes ocasións.

Ana Pontón, que fixo de Pontevedra o eixo da súa campaña, optou por un formato máis dinámico e próximo aos cidadáns, en plena Praza da Ferrería. Os socialistas, pola súa banda, optaron por reforzarse cun astronauta: Pedro Duque, ministro de Ciencia e Innovación.

Outras imaxes que nos deixaron os días previos ás eleccións foron os líderes de Cidadáns subidos nunha batea, a homenaxe floral ás vítimas da violencia machista realizado por Marea Galeguista ou candidatos do PSOE percorrendo en Lérez en piragua.