![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/de6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/650c68a087-certification_logo_2023_silver117113-1024x468.png)
© World Triathlon
World Triathlon concede a medalla de prata en sustentabilidade á Gran Final de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de Pontevedra 2023 conseguiu o certificado de prata en sustentabilidade de World Triahtlon, grazas ás medidas que desde a organización do campionato impulsáronse para garantir un evento sostible e respectuoso co medio ambiente.
Así o confirmou este xoves a Federación Española de Tríatlon, destacando entre as medidas adoptadas en aspectos como a accesibilidade, igualdade, a xestión dos residuos, a promoción do consumo local, o fomento dos desprazamentos sostibles para reducir a pegada de carbono e a compensación da mesma a través dunha plantación forestal que se realizará a finais de ano nos montes de Pontevedra.
"Estamos moi contentos porque é un recoñecemento ao traballo que vimos facendo desde hai moitos anos nesta área. Pontevedra é unha cidade libre de fumes, cumprimos os 365 días cos criterios de calidade do aire e imos seguir avanzando sen ningún xénero de dúbidas", asegura o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tamén o presidente da Deputación, Luís López, valorou o recoñecemento afirmando que "a provincia de Pontevedra é unha referencia no coidado do medio ambiente, en mobilidade sostible e na organización de eventos deportivos. Esta certificación supón un novo recoñecemento a este labor e un motivo máis para seguir traballando nesta dirección".
Pola súa banda o videpresidente da Xunta, Diego Calvo, defendeu que "a certificación de prata de sustentabilidade é unha nova proba de como Galicia coida o seu deporte, pero, sobre todo, de como coida e respecta a súa contorna e o seu medio ambiente".
Desde a World Triathlon a súa presidenta, Marisol Casado, quixo tamén enviar "as miñas felicitacións ao comité organizador do evento, porque esta distinción de prata é moi importante no mundo do tríatlon debido a que é un deporte que se practica en plena natureza", un premio que para o presidente da Federación Española, José Hidalgo, "dinos que estamos a ir polo bo camiño".